O vindeiro domingo en Pontevedra, volta ao pasado sobre catro rodas

Pontevedra
29 de agosto 2024

A sexta edición da Concentración de Vehículos Clásicos e Antigos Cidade de Pontevedra está organizada polo Club AVA en colaboración co Concello

Concentración de vehículos clásicos e antigos na praza de España
Concentración de vehículos clásicos e antigos na praza de España / PontevedraViva

O vindeiro domingo 1 de setembro a Praza de España mostrará un aspecto totalmente vintage. Toca volver ao pasado sobre catro rodas coa Concentración de Vehículos Clásicos e Antigos Cidade de Pontevedra, que organiza a Asociación AVA en colaboración co Concello de Pontevedra.

As persoas afeccionadas a conservar vehículos antigos ou clásicos e tamén a participar en convocatorias como esta non son poucas dada a circunstancia que constatou a organización, quedou cuberta a cota de participantes antes de concluír o prazo sinalado para participar na concentración. O que non está limitada é a asistencia a este céntrico emprazamento para ver os vehículos que se exhibirán desde as 10.00 horas ata as 20.00 horas.

Todos os automóbiles participantes están matriculados antes de 1990. Os seus propietarios gozarán ademais dunha visita guiada ata a Illa de Tambo e dunha comida nun restaurante da capital.

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, sinalaba durante a presentación que "sempre é un pracer camiñar pola cidade e atopar pedazos da historia recente e non tan recente", apuntando ademais a actividade divulgativa que se fai desde a Asociación AVA.