O vindeiro luns será o sorteo de mesas electorais para as eleccións do 12 de xullo

Pontevedra
10 de xuño 2020

Será un novo sorteo, distinto ao celebrado para as eleccións do 5 de abril. Os cargos das mesas electorais sortearanse entre as persoas incluídas en cada mesa, que saiban ler e escribir e teñan menos de 70 anos. Os membros das Mesas electorais cobrarán unha dieta de 65 euros

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / PontevedraViva

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou a convocatoria do pleno do Concello para o próximo día 15 de xuño ás 11.20 horas, xa que previamente celebrarase unha sesión extraordinaria para o sorteo das mesas electorais para as eleccións ao Parlamento de Galicia que se celebrarán o 12 de xullo.

Será un novo sorteo, distinto ao celebrado para as eleccións do 5 de abril.

Os cargos das mesas electorais sortearanse entre as persoas incluídas en cada mesa, que saiban ler e escribir e teñan menos de 70 anos. A presidencia deberá ter o título de Bacharel ou o de Formación Profesional de segundo grao ou, no seu caso, o de graduado escolar ou equivalente.

Por cada mesa desígnanse 9 persoas: un presidente e dous vogais titulares, máis outras seis persoas suplentes. Todos eles deberán estas a as 8 da mañá para a constitución das mesas.

Os membros das mesas electorais cobrarán unha dieta de 65 euros.

PLAN ECONÓMICO-FINANCEIRO

Como asunto máis importante na orde do día do pleno ordinario figura a aprobación do plan económico financeiro que tivo que elaborar o goberno local en cumprimento da denominada Lei Montoro por incumprir a regra de gasto.

Como adiantou o concelleiro de Facenda, Raimundo González, o documento debateuse na Comisión de Economía e Facenda e saíu aprobado co apoio de BNG e PSOE e contou coa abstención dos partidos da oposición, PP e Ciudadanos.

O plan elaborado "cumpre todos os requisitos que marca a lei" e, tras analizar as causas do incumprimento da regra de gasto, conclúe que "a saúde económica do Concello é sólida".

Á marxe da parte resolutiva o pleno inclúe tres mocións do Partido Popular e unha do edil de Cidadáns na que propón unha serie de modificacións orzamentarias.

Pola súa banda, os populares propoñerán "blindar e reforzar" os servizos sociais do Concello de Pontevedra, eliminar a taxa de uso de instalacións deportivas municipais ata final de ano a todos os clubs e entidades, e tamén noutra moción instan ao Concello a eliminar a taxa de veladores e a taxa de lixos durante o que dure o estado de alarma.