O viveiro da Universidade construirase nun solar municipal da rúa A Barca

Pontevedra
22 de xullo 2014

O Concello licitará a obra e cederá este solar municipal de 850 metros cadrados na rúa da Barca para a construción dun edificio de oito plantas, ático e dous baixos. A Cámara de Comercio, coa achega de fondos europeos do Incyde, e a Zona Franca financiarán con algo máis dun millón de euros a construción do edificio que xestionarán a Universidade e a propia Cámara de Comercio

O reitor da Universidade de Vigo e o alcalde de Pontevedra Mónica Patxot

O viveiro da Universidade construirase nun terreo municipal da rúa A Barca. Así o decidiron este martes representantes do Concello de Pontevedra, da Universidade de Vigo, da Cámara de Comercio e do Consorcio da Zona Franca de Vigo.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que se elixiu esta localización para o viveiro temático como a máis idónea pola súa centralidade fronte a outras alternativas coma o polígono industrial do Campiño, menos operativas ante o propósito que se persegue de integración no Campus pontevedrés.

O Concello licitará a obra e cederá este solar municipal de 850 metros cadrados na rúa da Barca para a construción dun edificio de oito plantas, ático e dous baixos que acollerá unhas 20 iniciativas empresariais.

A Cámara de Comercio, coa achega de fondos europeos do Incyde, e a Zona Franca financiarán con algo máis dun millón de euros a construción do edificio que xestionarán a Universidade e a propia Cámara de Comercio.

Os promotores deste viveiro fixaron unha nova reunión para o próximo 16 de setembro. O reitor Salustiano Mato afirmou que traballan co obxectivo de que viveiro estea funcionado en 2015.