Seis empresas asinaron este venres os contratos de cesión de espazos no viveiro do polígono empresarial de Barro coa presidenta da Deputación Provincial.
Estas entidades dedícanse á fabricación de pezas de precisión, a compravenda de vehículos, á distribución e aplicación de produtos para a construción, á comercalización de tecnoloxía sanitaria, á venda de accesorios para maquinaria pesada e a un curioso proxecto de fabricación de obleas de sabores con motivos relacionados co Camiño de Santiago.
Coa incorporación destas empresas, o viveiro xa ten ocupadas as 16 naves que se ofertan e 19 das 24 oficinas, polo que xa se atopa utilizado o 90% dos espazos. A presidenta provincial, Carmela Silva, indicou que existe unha lista de agarda para ocupar algunhas oficinas que xa se atopan completas e asegurou que o viveiro funciona moi ben con proxectos innovadores.
Unha das empresas que ocupará unha destas naves, Paumar Technology Consulting, dedícase á fabricación e deseño de tecnoloxía realizando investigacións sobre un procedemento que pode chegar a impedir o falecemento en casos de enfermidades ligadas ao Alzheimer. O proxecto será presentado en abril, anunciou a presidenta da institución provincial.
Ademais destas novas adxudicacións, o polígono de Barro vendeu un total de 127.081 metros cadrados dun total de 261.000, que se traduce nun 49% de ocupación.