O voto en contra do Partido Popular impediu este martes que o Parlamento de Galicia aprobara unha proposición non de lei presentada polo BNG para iniciar os trámites do cesamento da actividade da empresa Elnosa en Lourizán, desbotar a ampliación da concesión dos terreos de dominio público marítimo terrestre que ocupa e instar ao goberno galego a dirixirse ao Ministerio de Medio Ambiente para a recuperación dos mesmos.
Por parte do BNG defendeu a proposta o deputado e concelleiro pontevedrés Luis Bará e o voto en contra anunciouno a tamén pontevedresa e deputada do PP Guadalupe Murillo, que aproveitou para criticar que o BNG solicite o peche de Elnosa sen propor aos cidadáns de Pontevedra "unha alternativa de traballo para todas as persoas que pretenden mandar ao paro".
Lupe Murillo lembrou que non corresponde á Xunta o inicio dos trámites de cesamento de ningunha actividade industrial, sempre e cando esta actividade se estea a realizar amparada polo marco xurídico vixente, e que é competencia da Administración Xeral do Estado conceder ou denegar a ampliación das concesións de ocupación de terreo en dominio público marítimo-terrestre.
Bará, pola súa parte, critica que o PP basee a súa defensa de Elnosa sobre 70 postos de traballo, mentres que "non lle preocupan os postos de traballo que destrúe, ademais do prexuízo provocado por esta empresa nociva e contaminante".
Bará interpreta que o feito de que a deputada do PP defendera con tanto énfase a permanencia de Elnosa responde á intención de Murillo de presentarse como candidata á Alcaldía de Pontevedra nas próximas eleccións municipais.