O xefe territorial de Educación compara ao Goberno de España cos nazis durante unha charla ante escolares

Soutomaior
21 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Ao chegar a quenda de preguntas, un dos alumnos pediu aos políticos a súa opinión sobre a lei de amnistía. César Pérez Ares, que participou en calidade de ex-parlamentario do PP, afirmou que o Goberno de España é "como o réxime nazi", que España é unha "república bananeira" e que o presidente, Pedro Sánchez, é "un autócrata"

Charla dos ex-parlamentarios no colexio Santiago Apóstol de Soutomaior
Charla dos ex-parlamentarios no colexio Santiago Apóstol de Soutomaior / PontevedraViva

Unha charla sobre o Parlamento de Galicia celebrada este xoves no colexio Santiago Apóstol de Soutomaior e organizada polo Parlamento e pola Asociación de Ex-Parlamentarios derivou en graves insultos ao Goberno de España e ao seu presidente. 

O acto trancurría con normalidade ante un auditorio conformado polo alumnado de cuarto da ESO e de Bacharelato. Ao chegar a quenda de preguntas, un dos alumnos pediu aos políticos a súa opinión sobre a lei de amnistía. Aí foi cando o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, que participou en calidade de ex-parlamentario do Partido Popular afirmou que o Goberno de España é "como o réxime nazi", que España é unha "república bananeira" e que o presidente, Pedro Sánchez, é "un autócrata".

Na charla participaron tamén a ex deputada socialista Leticia Gallego e o ex deputado do BNG e actual alcalde de Soutomaior, Manuel Lourenzo.

Leticia Gallego recriminou a Pérez Ares a súa "lamentable intervención" alegando que supón un "evidente desprezo polas máis elementais regras da democracia". 

A ex-deputada socialista preguntouse "se alguén que utiliza argumentos ultra, que insulta e que deslexitima ás institucións diante do alumnado está capacitado para ostentar o cargo de xefe territorial da Consellería de Educación". 

Pola súa banda, o BNG pediu a dimisión ou cese do Xefe Territorial de Educación de Pontevedra "por lanzar insultos e fomentar condutas de odio nun acto con escolares".

No caso de que Pérez Ares non sexa cesado, o BNG levará ao Parlamento a súa reprobación, anunciou a deputada nacionalista Cristina Fernández, "non só pola gravidade das súas palabras senón polo foro no que se fixeron as afirmacións, diante do estudantado"

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora