O 'Xiracán' chega a Pontevedra para divulgar os "beneficios" para a saúde de ter un can

Pontevedra
02 de maio 2022

A primeira edición do festival Xiracán organiza nos antigos terreos de Tafisa os días 7 e 8 de maio un evento pensado para gozar do mellor amigo das persoas en familia no que haberá actividades para mellorar a comunicación e as relacións entre os cans e os seus amos

Presentación do primeiro evento dog-friendly Xiracán
Presentación do primeiro evento dog-friendly Xiracán

Os antigos terreos de Tafisa, na Avenida de Bos Aires, serán esta fin de semana o epicentro dunhas xornadas dedicadas ao mellor amigo das persoas: o can. O 7 e 8 de maio organízase o Xiracán, un evento pensado para coñecer máis a fondo o comportamento dos cans, gozar con eles dun día ao aire libre e resolver todo tipo de dúbidas acerca dos seus coidados e condutas.

A actividade, que forma parte do programa da concellería de Deportes A Vida é Movernos, foi presentada este luns na Praza de España polo concelleiro Tino Fernández e a directora do Xiracán, Raquel González. "Será unha xornada para gozar e o benestar", afirmaba a organizadora, antes de desagregar todos os actos do programa.

Nesta zona verde, a partir das 12 horas, comezará un festival no que non faltará a música en directo nin as foodtrucks. Participarán tamén varias protectoras, que se achegarán ata este lugar con varios dos seus cans en acollida para que, aquelas persoas que desexen participar e non teñan can, poidan gozar das actividades con estes peludos que buscan unha familia.

Ademais, o evento ten o obxectivo de dar visibilidade aos profesionais de Pontevedra para dar a coñecer programas de adestramento, proxectos de intervención canina con cans terapéuticos, concursos de agility ou educación canina entre outros moitos actos. A fin de semana concluirá o domingo cunha andaina pola contorna do río Lérez na que participará un adiestrador pontevedrés que estará ao dispor de todos os participantes para prestar asesoramento, solucionar problemas ou resolver dúbidas.

Á marxe do carácter lúdico do evento, esta primeira edición do Xiracán busca tamén servir de apoio no plano da saúde e o benestar das persoas. "Unha das formas de loitar contra a ansiedade é traballar con cans. Teñen un efecto terapéutico indiscutible na vida das persoias e ter un can na casa obriga a saír, a camiñar e a socializar", destaca o tenente de alcalde, Tino Fernández.

Doutra banda, todos os interesados en asistir a este evento teñen a opción de manterse informados en tempo real de todos os actos do programa, notificacións ou modificacións que poidan xurdir a través da aplicación móbil Gohu.