Espazo e silencio. Son os principais "beneficios perceptibles", segundo o diario italiano La Repubblica dunha cidade libre de automóbiles. Así comeza a reportaxe que o rotativo transalpino, o segundo máis lido do país, dedica a Pontevedra.
O artigo, escrito polo xornalista Marco Angelillo, publicouse na sección de Medio Ambiente do xornal, editado en Roma e que actualmente, ten unha tirada aproximada duns 650.000 exemplares diarios. Ademais, é un dos temas máis vistos na súa web.
De Pontevedra destacan especialmente como cambiou a súa mobilidade a través dunha política "tan simple como revolucionaria", eliminando os coches que atravesaban a cidade, limitando os aparcadoiros, instalando medidas de acougado de tráfico, decretando a velocidade 30 ou habilitando estacionamentos disuasorios na periferia.
Esta "radical" peonalización, engade La Repubblica, deu resultados. Entre eles, encomian o aire limpo e a tranquilidade da cidade, o "próspero" turismo, os negocios en crecemento, o aumento demográfico, a drástica redución da contaminación ou a ausencia de vítimas mortais na estrada.
A iso suman a negativa para autorizar centros comerciais, o que permitiu ás pequenas tendas "manterse á boia", ou os numerosos premios e recoñecementos que recibiu Pontevedra a nivel internacional.
Para analizar o modelo urbano pontevedrés e a súa posible adaptación ás urbes italianas, La Repubblica solicitou a opinión de varios expertos en urbanismo.
Así, a reportaxe inclúe unha entrevista con Marco Diana, profesor do departamento de enxeñería do Politécnico de Torino, que aplaude a experiencia de Pontevedra e sinala a "ineficiencia" do uso do coche nas cidades porque "produce contaminación e necesita grandes espazos para moverse".
Entende que cidades universitarias como Pavia e Pisa, de tamaño mediano e cunha alta incidencia do tránsito peonil e ciclista, poderían seguir o exemplo da Boa Vila.
"Se cae o uso do coche, a vida reestablécese", engade Luca Stader, profesora asociada do Politécnico de Milán, experta en mobilidade sustentable. Defende que as cidades deben "recuperar" os seus espazos públicos e reducir o "excesivo poder" dos automóbiles como fixo Pontevedra nas dúas últimas décadas.