O Xoves santo sen recollida de lixo será compensado cun reforzo do servizo durante o venres

Poio
07 de abril 2022

O 14 de abril non se realizará a recollida polo peche da planta de transferencia de residuos de Ribadumia. Tamén permanecerá sen actividade o Punto Limpo Móbil. Durante esta semana, a empresa concesionaria realiza traballos de limpeza de máis de 600 contedores do municipio, segundo informa o goberno local

O concelleiro Julio Casás no Punto Limpo Móbil de Poio
O concelleiro Julio Casás no Punto Limpo Móbil de Poio / Concello de Poio

O goberno local de Poio informa de que o xoves 14 non haberá recollida de lixo debido a que se manterá pechada a planta de transferencia de residuos, que se atopa en Ribadumia. A empresa Valoriza, concesionaria do servizo de limpeza, xa contempla un reforzo durante a xornada do 15 de abril, Venres Santo, cubrindo todas as zonas de recollida.

Nestas últimas semanas, a empresa adxudicataria tamén acomete a limpeza dos 600 contedores de fracción resto, envases, cartón e vidro que se atopan repartidos polo municipio. Para este labor, Valoriza emprega un camión especializado e un equipo de hidrolimpeza de alta presión.

PUNTO LIMPO MÓBIL

Julio Casás, concelleiro da área de Obras e Servizos Municipais, visitaba este xoves o Punto Limpo Móbil de Poio, que durante esta semana atópase na zona do parque de Costa  Xiráldez, en San Salvador pola zona de Lourido. 

Este servizo gratuíto permanece cada semana nunha parroquia diferente, agás a última, na que queda durante dous días na parroquia de Raxó e outros dous en Samieira. Segundo explica o concelleiro este Punto ten boa acollida entre a cidadanía desde a súa posta en marcha en 2020. Recolle diferentes residuos como electrodomésticos, mobles, restos de roupa, madeiras, chatarra, plásticos e residuos de aparellos electrónicos e eléctricos.

Durante a próxima semana, esta unidade de Punto Limpo permanecerá pechada durante o Xoves Santo, o día 14, ao tratarse dunha xornada festiva. Previamente, os días 12 e 13, atoparase ao dispor da veciñanza na chaira da Seca. Ao finalizar a Semana Santa volverá á actividade habitual con horario entre as 10.00 e as 14.00 horas. 

Casás informou sobre a importancia de utilizar este servizo e o de recollida de materiais voluminosos a domicilio, para evitar as verteduras ilegais, práctica que está castigada con multas que van desde os 600 aos 31.000 euros.