O xulgado declara improcedente o despedimento dunha traballadora do Banco Santander acusada de simular unha baixa

Pontevedra
18 de outubro 2023

O sindicato CIG denuncia que o Banco Santander realiza despedimentos disciplinarios inxustificados para amedrentar o persoal. O Xulgado do Social número 1 condenou a entidade bancaria a indemnizar a traballadora con 7.501 euros por danos morais pola vulneración dun dereito fundamental, vencellado ao seu dereito á intimidade e á protección de datos

Protesta da CIG diante dunha oficina en Pontevedra do Banco Santander
Protesta da CIG diante dunha oficina en Pontevedra do Banco Santander / Móncia Patxot - Arquivo

O Xulgado do Social número 1 de Pontevedra declarou improcedente o despedimento dunha traballadora do Banco Santander por unha suposta falta moi grave por "simular enfermidade ou accidente e realización de actividades incompatibles coa situación de baixa por enfermidade ou accidente".

A afectada, xestora de empresas dunha oficina do Banco Santander en Pontevedra, fora sancionada pola entidade bancaria cun despedimento disciplinario ao entender que simulara unha baixa. 

A decisión da empresa foi recorrida pola traballadora, que se atopaba en situación de incapacidade temporal ata o 29 de marzo deste 2023. Tras o alta o banco enviáballe un burofax o 4 de abril coa carta de despedimento con data do 30 de marzo.

CIG-Banca, sindicato que apoiou á traballadora, indica que no xuízo quedou probado que o detective privado, contratado polo Banco Santander, non presentou probas suficientes da comisión da falta imputada á traballadora, como especifica a sentenza "non se pode concluír que as características da actividade realizada pola demandante puidesen perturbar a súa curación".

No procedemento, segundo o sindicato, comprobábase que a empregada pagara do seu peto a un médico privado e sesións de rehabilitación para acelerar a recuperación. Esta circunstancia, segundo a sentenza, impide que "se poida concluír unha simulación de enfermidade, nin tan sequera unha vontade da demandante de prolongar a baixa impedindo ou demorando a súa reincorporación ao traballo".

O banco foi condenado a indemnizar á traballadora con 7.501 euros debido aos danos morais pola vulneración dun dereito fundamental, que se atopa vinculado ao seu dereito á intimidade e á protección de datos. Segundo sinala o escrito do tribunal: "o banco efectuou un acceso a datos da conta bancaria da traballadora da que é cotitular sen autorización nin información previa á traballadora para fins distintos dos que poderían derivarse dunha lexítima finalidade, ligada ao contrato mercantil sobre a conta corrente bancaria existente entre as partes".

A CIG denuncia, ademais, que durante o mes de marzo varias persoas que traballan nesta entidade bancaria en Galicia foron vítimas destas prácticas por parte da empresa. Afirman que teñen probas de que a dirección incita ao persoal que se atopa en procesos de Incapacidade Temporal a seguir realizando xestións coa clientela, como tamén sucedía neste caso xa xulgado segundo figura na sentenza na que se recolle que a demandante atendeu a empresas clientes por teléfono e por whatsapp durante a súa baixa.

O sindicato nacionalista considera que Banco Santander realiza estes despedimentos disciplinarios para amedrentar ao persoal das súas oficinas.