O xulgado desestima a denuncia por acoso laboral dunha funcionaria do Concello de Pontevedra

Pontevedra
18 de maio 2021

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías destacou que neste fallo xudicial de maneira "clara e concluínte" resólvese que non se acreditou por ningún medio que haxa ou que se producira no Concello de Pontevedra ningún suposto de acoso laboral

Instalacións de Servicios Sociais no chalet de Fontoira, en Pontevedra
Instalacións de Servicios Sociais no chalet de Fontoira, en Pontevedra /

O Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra desestimou a denuncia interposta por unha funcionaria da administración local contra o Concello por un caso de acoso laboral. 

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, informou este martes en rolda de prensa desta sentenza favorable ao Concello. A sentenza é firme e contra ela non cabe recurso.

Segundo destacou Anabel Gulías neste fallo xudicial de maneira "clara e concluínte" resólvese que non se acreditou por ningún medio que haxa ou que se producira no Concello de Pontevedra ningún suposto de acoso laboral.

A sentenza tamén sinala que este procedemento de responsabilidade patrimonial presentado pola funcionaria non é o instrumento máis adecuado para declarar a existencia deste suposto acoso laboral.

A educadora social demandante reclamaba uns 28.000 euros alegando que durante os anos que estivo a traballar sufrira un acoso laboral por un presunto baleirado de tarefas e polo inicio dunha campaña de desprestixio contra ela.

A demanda fora presentada por unha educadora social do Plan Municipal de Condutas Adictivas. Durante o xuízo prestaron declaración a actual concelleira de Persoal, Carmen Fouces e o anterior edil responsable desta área, Vicente Legísima.