"É outro fracaso máis da política rastreira do Partido Popular", afirmaba Raimundo González, concelleiro responsable de Xestión de Residuos, ao dar conta da sentenza do Xulgado de primeira instancia nº 2 de Pontevedra sobre a demanda realizada pola Comunidade de Montes en Man Común da Canicouva reclamando que se declarase vixente o contrato asinado en 2015 co Concello para alugar os terreos nos que está prevista a construción dunha planta de compostaxe.
A sentenza, recibida o día 24 no Concello, declara vixente o contrato e obriga ao pago da factura que se debía por un montante de 20.000 euros, máis intereses. Ademais, o Concello xa anuncia que se pagará a mesma cantidade correspondente a 2022. Raimundo González explicou que se estudará a presentación dun recurso, aínda que matizou: "vemos difícil o recurso, en principio. O normal é que se convirta en firme e habería que pagar á Comunidade de Montes o que se lle adeuda".
Esta resolución parte da denuncia presentada polo Partido Popular no ano 2021 ante a Fiscalía na que se pedía unha investigación por malversación e prevaricación ao entender que se realizou un pago irregular considerando que o contrato non estaba en vigor.
A Fiscalía arquivou o caso en febreiro de 2023 e expuxo que non existía delito algún, pero recomendou ao Concello que deixase de efectuar os pagos deste contrato que comezou a pagarse en 2015 e que conta cunha vixencia de trinta anos. Segundo González: "deixou un matiz: entendían que o contrato estaba vencido e o Concello tiña que absterse de facer o pago".
Por este motivo, o Concello non tramitou aquela factura correspondente a 2021 e, fronte a esta falta de pagos, a Comunidade de Montes da Canicouva decidiu presentar unha demanda cuxa resolución indica que o contrato segue vixente, en contraposición á postura que sostén o PP.
Raimundo González explicaba que a situación era un pouco "kafkiana" porque "nós defendiamos que o contrato estaba en vigor pero non podiamos pagar porque a Fiscalía dicía que se pagades reabría as dilixencias".
"O contrato é impecable", sostiña González criticando a acción realizada polo grupo que lidera Rafa Domínguez:"é unha emenda á totalidade das manifestacións feitas polo PP, a esa marrullería do Partido Popular e, xa que estamos próximos ás eleccións do domingo, estes pretenden gobernar... O único que sembran é a discordia, a marrullería e unha política rastreira".
O responsable local de Xestión de Residuos indicou que os terreos alugados na Canicouva seguen tendo como destino localizar á planta de compostaxe prevista. Actualmente atópase o concurso de xestión de residuos de Pontevedra en proceso de licitación. O 6 de xuño finaliza a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas nesta adxudicación.