O xulgado de instrución número 3 de Pontevedra emitiu un auto no que decreta o fin da instrución do caso no que se investiga o alcalde de Vilanova de Arousa por chamar "chacha para todo" á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
A maxistrada indica que hai indicios suficientes para que o procedemento continúe contra o rexedor por un delito leve de falta de respecto e consideración debida á autoridade.
A denuncia contra o rexedor do PP foi interposta pola Deputación de Pontevedra despois de que Durán, nunha rolda de prensa pública, afirmase que Silva era a "chacha para todo" do alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero.
Estas declaracións espertaron unha onda de críticas contra o alcalde e o PSdeG-PSOE chegou a esixir ao PP unha reprobación e un cesamento que nunca se produciu.
Días despois, o alcalde reiterou que non se arrepentía das declaracións e, o pasado mes de xuño, tras declarar como investigado perante o xulgado, afirmou que con esa frase "no quería decir que le barriese la casa" senón que a aludida dedícase, ao seu xuízo, a facer o "trabajo sucio" de Caballero.