A Comisión de seguimento do convenio para a execución, financiamento e explotación das obras de saneamento e depuración que a sociedade mercantil estatal Aguas de las Cuencas de España (ACUAES) está a executar na Illa de Arousa reuniuse este mércores para analizar a evolución da actuación.
Esta infraestrutura permitirá garantir a correcta depuración das augas residuais do Concello e, en consecuencia, mellorar a calidade das augas da ría.
Os membros da Comisión, a presidenta executiva de ACUAES, María Rosa Cobo, e o alcalde da Illa de Arousa, Luís Arosa, visitaron posteriormente as obras xunto ao subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.
A actuación inclúe a construción de nova depuradora deseñada para unha poboación de 10.000 habitantes equivalentes, a conexión desde a EDAR co tramo terrestre do actual emisario, adaptación de colectores existentes até a depuradora e unha acometida eléctrica.
As obras, que se iniciaron o 7 de novembro de 2024 coa firma da acta de replanteo, avanzan segundo o previsto, finalizando xa a roza da parcela da depuradora e iniciado o movemento xeral de terras da parcela, atopándose un volume de roca maior ao esperado.
Na actuación da acometida eléctrica executáronse 210 metros dun total de 515 e situouse o novo centro de seccionamiento prefabricado, do que se alimentarán as instalacións da nova EDAR.
De continuar co ritmo actual, no caso de que non haxa ningún imprevisto, as obras terminarán en maio de 2026, iniciándose a fase de posta en marcha, de seis meses de duración.
A actuación, na que está previsto investir ao redor de 8,5 millóns de euros, vai ser cofinanciada nun 80 por cento con fondos Next Generation EU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia; o 20 por cento restante correrá a cargo do Concello.