A alcaldesa de Marín, María Ramallo, acompañada dos concelleiros Marián Sanmartín e Pablo Novas, visitou este xoves as obras do proxecto de revalorización do entorno do Lago Castiñeiras.
Trátase dunha das actuacións clave do Plan de Sostibilidade Turística en Destino do Concello de Marín, financiado cos fondos Next Generation da Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
"O Lago Castiñeiras e o seu entorno é unha das maiores xoias do noso patrimonio natural", explicou a rexedora, que considera que investir nel e tratar de mellorar todos os seus espazos e usos "é o camiño que debemos seguir, sempre da man das comunidades de montes e tendo a sostibilidade medio ambiental como criterio máis importante á hora de realizar actuacións na contorna".
A empresa encargada de executar estes traballos é Caldevergazo e a inversión do Plan de Sostibilidade Turística rolda os 200.000 euros.

A mellora centrarase sobretodo na reordenación dos espazos nos que conviven o tráfico peonil co rodado e na posta en valor da contorna do vaso hidráulico, que ten grandes posibilidades.
Actuarase diante do lago onde se farán dúas zonas separadas, unha para o tráfico e outra para as persoas que paseen polo entorno, creando un sendeiro peonil.
O estacionamento de coches tamén se desplazará un pouco máis arriba, para non entorpecer a vista e a contorna. Crearase unha zona de aparcadoiro específica, ordenada e con capacidade abondo para poder renaturalizar o espazo que está pegado ao lago.
Ademais, mellorarase o pavimento, instalaranse bancos e crearase tamén outro sendeiro, separando peóns e tráfico, na subida que hai cara o que será o futuro espazo de estacionamento.
"Unha das cousas que queremos potenciar neste entorno natural privilexiado que temos é a súa dinamización. Queremos que a veciñanza e os visitantes o utilicen de maneira respectuosa", engadiu a alcaldesa.
Para iso, ademais de crear unha zona mellorada de merendeiro para incentivar as comidas e picnics no lugar, moi asociada aos asadores que están instalados e que pola súa conguración permiten asar durante todas as épocas do ano, crearase tamén, aproveitando a pendente, un Auditorio ao aire libre "para poder unir natureza e cultura".
"A arte sempre é unha forma exitosa de dinamizar un espazo natural e por iso, con esta nova estrutura que se creará co proxecto, impulsaremos actividades, aquí que terán un telón de fondo inigualable", manifestou a alcaldesa.
O obxectivo é que as obras estean rematadas na primavera, cando comeza de novo o bo tempo e os plans convidan a saír e a aproveitar os espazos abertos.