As obras no Outeiro entran na recta final tras resolver os problemas de drenaxe

Pontevedra
21 de xullo 2026

A actuación inclúe unha nova canalización das augas pluviais, a ampliación do vial e o seu asfaltado

Obras no Outeiro Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra entra na fase final das obras que se están a executar no acceso ao lugar do Outeiro, na parroquia de Lérez, co obxectivo de poñer fin aos problemas de inundacións que durante anos afectaron a este punto da estrada de acceso desde a PO-223.

A intervención contempla a canalización das augas pluviais e a mellora da pista, unha actuación que responde a unha vella demanda da veciñanza e da Asociación veciñal de San Bieito de Lérez, especialmente polos asolagamentos que se repetían nos meses de inverno.

A concelleira do Rural, María Xosé Abilleira, visitou este martes os traballos acompañada por técnicos municipais, responsables da empresa construtora e residentes da zona para comprobar a evolución dunha obra que afronta xa a súa recta final.

Na actualidade, os esforzos céntranse na construción e retranqueo do muro de contención situado á beira da estrada, unha actuación que permitirá gañar anchura no vial.

Paralelamente, estase a rematar a pavimentación da entrada ao lugar, unha vez executado o sistema que desvía a auga cara ao regato existente nun nivel inferior, evitando así a súa acumulación sobre a calzada.

Durante a visita, Abilleira destacou a dificultade técnica da actuación ao explicar que o punto onde se producían as inundacións estaba rodeado por muros de propiedades particulares, o que impedía a correcta evacuación da auga da chuvia. A edil puxo en valor a colaboración da veciñanza, cuxa implicación foi determinante para facer viable a solución adoptada.

Segundo explicou, varios propietarios permitiron modificar parte das súas parcelas para facilitar a saída das augas, mentres que dúas veciñas realizaron cesións de terreo que posibilitaron executar a obra. "Sen esa colaboración non sería posible resolver un problema que levaba anos afectando á zona", sinalou.

Aproveitando a execución da infraestrutura, o Concello tamén facilitou que varias vivendas da contorna puidesen realizar a conexión á rede municipal de abastecemento de auga, no caso daquelas que aínda carecían deste servizo.

Se se cumpren os prazos previstos, nas próximas semanas concluirase o muro de contención e executarase o asfaltado definitivo do vial, incluídos os tramos ampliados, dando por rematada unha actuación coa que o Concello pretende eliminar de forma definitiva os problemas de drenaxe neste acceso ao núcleo do Outeiro.

Visita da concelleira ás obras no Outeiro    Concello de Pontevedra

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora