As obras na PO-308 entre A Barca e o Casal de Ferreirós comezarán unha vez que pase La Vuelta ciclista

Poio
28 de xaneiro 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes, asinaron este martes un convenio para investir 1,7 millóns de euros na primeira fase da humanización desta estrada autonómica

Sinatura do convenio da primeira fase da humanización da PO 308
Sinatura do convenio da primeira fase da humanización da PO 308 / Xunta de Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes, asinaron este martes un convenio de colaboración polo que se investirán 1,7 millóns de euros na primeira fase da humanización da estrada autonómica PO-308 entre a Ponte da Barca e o Casal de Ferreirós.

O 70% dos fondos serán aportados polo executivo autonómico e o 30% restante será financiado pola administración local que será a encargada de executar a obra polo que tamén asumirá o cambio de titularidade a favor do concello do dominio público viario asociado á estrada.

O acto de sinatura deste convenio celebrouse no Casal de Ferreirós na presenza dun numeroso grupo de representantes de asociación veciñais e empresariais. O presidente da Xunta estivo acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.

Público asistente ao acto de sinatura do convenio
Público asistente ao acto de sinatura do convenio    Pontevedra Viva

Os traballos acometeranse entre a Ponte da Barca e o Casal de Ferreirós e terán como principais obxectivos garantir a accesibilidade e dar prioridade ao peón.

En concreto, entre outras accións, reordenarase o espazo público coa renovación do firme e pavimentación de beirarrúas, pasos de peóns elevados; crearanse aparcadoiros, zonas de carga e descarga e estacionamento para persoas con mobilidade reducida; e instalaranse zonas axardinadas e mobiliario urbano.

A estimación é que o Concello de Poio licite as obras no primeiro trimestre deste ano para que poidan iniciarse en setembro "unha vez que pase La Vuelta ciclista a España" que disputará a súa Etapa 16 entre as localidades de Poio e Mos, tal e como recordou o alcalde. As obras prolongaranse durante aproximadamente un ano.

Na súa intervención Rueda salientou que se trata "dunha das zonas urbanas máis transitadas de Galicia, nunha posición estratéxica" ao ser a vía de entrada e saída da cidade de Pontevedra e a que canaliza o tráfico do Salnés. E lembrou que a estrada atravesa unha zona na que residen "8.000 persoas" que "teñen dereito" a que "o tráfico intenso sexa compatible cunha contorna o máis humanizada e agradable posible".

María Martínez, Alfonso Rueda e Ángel Moldes
María Martínez, Alfonso Rueda e Ángel Moldes   Pontevedra Viva

Pola súa banda, Ángel Moldes aproveitou a ocasión para pedirlle ao presidente da Xunta que a humanización desta estrada continúe "ata a gasolineira da costa de Albar". "Somos un equipo de goberno ambicioso e sempre queremos máis", dixo o alcalde.  

Ángel Moldes tamén informou que o Concello ten grandes plans para este entorno "hoxe mesmo presentamos á Deputación o proxecto para a reforma dun parque" nesta contorna da parroquia de San Salvador.

Ademáis anunciou que "próximamente vamos a poder ver como distintas urbanizaciones se desarrollan" nesta zona.

Sen querer desvelar moito o alcalde indicou que trátase de tres urbanizacións de vivenda de promotoras privadas que "quedaron a medias durante a crise e que agora se retoman".

María Martínez, Alfonso Rueda e Ángel Moldes
María Martínez, Alfonso Rueda e Ángel Moldes  Pontevedra Viva