As obras da senda peonil e carril bici entre Chancelas e Combarro encaran a súa fase final

Poio
23 de setembro 2025

O investimento total é de 450.000 euros, cofinanciado entre Concello de Poio e Xunta de Galicia. A actuación mellorará a accesibilidade e a comunicación entre o núcleo da Bouza e Combarro

Ángel Moldes visita as obras da senda peonil entre Chancelas e Combarro
Ángel Moldes visita as obras da senda peonil entre Chancelas e Combarro / Concello de Poio

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, achegouse este martes ata o Camiño Real para seguir de preto o avance das obras que se están a realizar entre Chancelas e Combarro.

Trátase dunha actuación moi esperada pola veciñanza, que mellorará notablemente o pavimento da estrada e permitirá crear unha senda peonil e un carril bici que facilitarán os desprazamentos a pé ou en bicicleta de forma segura.

Segundo explicou o propio rexedor durante a visita, os traballos están xa na súa fase final e está previsto que rematen nas vindeiras semanas. En total, o investimento ascende a 450.000 euros, achegados entre o Concello de Poio e a Xunta de Galicia.

Moldes indicou que a obra responde a unha "demanda histórica", especialmente da xente da Bouza, que levaban anos pedindo unha solución que mellorase a mobilidade, accesibilidade e seguridade desta vía tan transitada.

O proxecto inclúe a renovación do firme, a instalación de cunetas para a recollida de augas pluviais, o reasfaltado da estrada e a construción dunha plataforma de 4 metros para o tráfico rodado. Ademais, incorporarase unha senda peonil e ciclista de polo menos 2,5 metros de ancho, apostando por unha mobilidade máis sostible e respectuosa co entorno.

Moldes subliñou a importancia desta intervención, que considera "prioritaria e fundamental" para conectar mellor A Bouza con Combarro, e puxo o foco na necesidade de seguir modernizando as infraestruturas viarias do rural.

Neste sentido, lembrou que esta obra forma parte dun plan do goberno local, que ten xa en marcha varios proxectos e outros a piques de comezar. De feito, desde o Concello salientan que "o 2025 será un ano histórico en canto a investimentos", xa que se lograron captar máis de 13 millóns de euros en fondos doutras administracións para iniciativas estratéxicas que están a impulsar unha verdadeira transformación do municipio.