Segundo informa a Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (AVITURGA) a ocupación do mes de xuño en Galicia superou o 47,3 % e a provincia de Pontevedra o 56,5 % situándose en niveis mesmo máis altos que en 2019, antes da pandemia.
A necesidade de recuperar a normalidade viaxeira, o paulatino control da pandemia, o índice de vacinación, o esgotamento físico e psicolóxico, así como unha climatoloxía favorable foron, segundo Aviturga, factores determinantes que animaron aos cidadáns para buscar destinos vacacionais de curta estancia durante o mes de xuño.
Se a ocupación media de xuño en Galicia rozou o 57%, as fins de semana rexistraron un cheo absoluto cun claro predominio da provincia de Pontevedra que superou o 56 %, fronte ao 48% da Coruña e o 45% de Ourense e Lugo.
Competicións deportivas, rallys, festividades en Portugal e en diferentes comunidades autónomas españolas (Asturias, Castela-León) foron razóns influentes para buscar a Galicia como destino turístico.
En canto á procedencia do hóspede de vivenda de uso turístico durante este mes de xuño, Asturias, Castela León son as comunidades desde as que chegaron a maioría, xunto a un importante movemento interprovincial en Galicia. Portugal foi o país de procedencia do turista internacional