Comeza o período vacacional de Semana Santa e as institucións de hostalaría e turismo de Pontevedra aseguran "un bo arranque de tempada".
A presidenta da Asociación de Hostaleiros de Pontevedra, Paula Lourido, afirma que se prevén uns días con moito movemento, cunha situación similar á de 2025. Con todo, nestas datas, o aspecto meteorolóxico supón un factor clave: "hai bastantes reservas de última hora", polo que se espera subir as porcentaxes de aloxamento.
En canto aos días de reserva, xa non se reducen ao Xoves e Venres Santo, que adoitan ser os que máis se enchen, senón que os turistas comezan a chegar desde a fin de semana anterior.
Paula Lourido comenta que "por sorte están a ser anos moi bos" a pesar da redución de voos que chegan a Galicia. Por outra banda, o contexto internacional non afectou de momento, pero podería influír máis adiante.
Desde a Asociación de Hostaleiros observan unha maior variedade de visitantes, como familias, parellas ou grupos, sendo o Camiño de Santiago o principal motor do turismo, levando a moitos a repetir a experiencia. Ademais, o aumento de eventos deportivos e culturais nos meses máis baixos consegue atraer máis viaxeiros.
Tras visitar algúns hoteis da cidade, sosteñen que a ocupación se atopa en números similares ao ano pasado entre un 50% e un 70%, confiando tamén nas reservas de última hora xa que "Semana Santa depende moito do tempo".

"TURIGRINOS"
Os perfís máis frecuentes continúan sendo familias nacionais e, falando de peregrinos, moitos estranxeiros que optan polo Camiño Portugués, levándoos a pasar algunha noite en Pontevedra, coñecidos como "turigrinos" polo persoal.
Os empregados tamén declaran que o fluxo de peregrinos se intensifican a partir de abril, facendo imposible reservar nos últimos meses de primavera.
Tino Lores, presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, tamén destaca a situación en albergues. Cunha capacidade de 86 camas, agardan nestes días unha ocupación próxima ao 70% con usuarios maioritariamente internacionais.

No caso dos peregrinos, a diferenza do que sucede co turismo convencional, o tempo non inflúe; "o que decide facer o camiño, dálle igual que chova ou neve. É a aventura". Os días con máis hóspedes concéntranse entre o martes e o xoves para chegar a Santiago a fin de semana.
Desde a Oficina de Turismo observan os próximos días con altas expectativas. Tras dous anos marcados polo mal tempo, a previsión da AEMET con ceos despexados e baixa posibilidade de choivas podería ser clave, especialmente se as procesións saen con normalidade, sendo un dos principais atractivos turísticos nestas datas.
Moita xente xa se achegou á oficina a preguntar pola programación da Semana Santa en Pontevedra. Ademais, as traballadoras sinalan que "está a aumentar cada vez máis o número de estranxeiros", con visitantes moi frecuentes de Alemaña, Italia e Estados Unidos. A eles súmase a chegada de australianos, tailandeses e coreanos.
A pregunta máis recorrente dos que chegan á cidade é "que hai que ver en Pontevedra?" ao mesmo tempo que recollen mapas con rutas para gozar do centro histórico.

As axencias de viaxes aclaran que estas datas xa non teñen o mesmo peso que hai anos. "Antes as saídas eran moi estacionais, agora a xente móvese en calquera momento do ano".
Afirman que a Semana Santa deixou de ser un referente claro, xa que anteriormente se notaba con facilidade cando era unha boa ou mala tempada.
Pontevedra encata esta semana Santa con optimismo, nuns días acompañados polo bo tempo e á espera de que as últimas reservas cheguen a comezos de semana.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.