Oda á 'Ameixa' en Campelo

Poio
17 de setembro 2022

Despois de dous anos de ausencia pola pandemia, Campelo volve gozar da súa querida Festa da Ameixa na que é xa a súa 34 edición  

Festa da Ameixa 2022 en Campelo
Festa da Ameixa 2022 en Campelo / Cristina Saiz

Despois de dous anos de asuencia pola pandemia, Campelo volve gozar da súa querida Festa da Ameixa na que é xa a súa 34 edición.

Tras o prólogo que supuxo a homenaxe o venres ás traballadoras do mar, este sábado chegoulle a quenda á gastronomía pura e dura, coa apertura da carpa gastronómica situada na Praza da Granxa.

Ameixas á mariñeira (9,50 euros a ración), con fideos ou arroz con ameixas (8 euros en ambos os dous casos), esperaban aos comensais.

Durante as dúas xornadas previstas de Festa de Ameixa, sábado e domingo, a organización prevé superar os 500 quilos de bivalvo vendidos.

Todo iso cunha programación que completan diversas actividades, como a actuación da Escola de Música Tradicional de Poio, o desembarco pirata na praia de Campelo previsto para este sábado ou a música de taberna cos grupos Cantanascroas, Orfetón Pontus Veteris e Son das Ondas, ademais do concerto da orquestra América de Vigo que pecha a xornada.

En canto ao domingo, a Festa da Ameixa contará coa Banda de Música de Arcade facendo unha animación musical ás 11.30 e ás 13.00 horas. A degustación estará amenizada por Vides Novas durante a mañá, mentres que o broche á festa poñerao ás 22.00 horas a orquestra Prayers de Ferrol.