Ofensiva contra a deterioración dos camiños de Arcos de Furcos, que gañan en seguridade

Umia
31 de xullo 2025

O Concello de Cuntis destaca que é unha actuación fundamental para optimizar as infraestruturas viarias do rural e asegurar un mellor servizo ás veciñas e veciños. Ten un orzamento de 43.888,04 euros

Mellora de camiños en Arcos de Furcos

O Concello de Cuntis está a executar un proxecto de mellora da capa de rodaxe de camiños na parroquia de Arcos de Furcos.

O proxecto ten un orzamento de 43.888,04 euros e busca solucionar a deterioración de varios viais, facilitando o tránsito e mellorando a seguridade.

Trátase dunha actuación que, para o Concello, resulta "fundamental" para optimizar as infraestruturas viarias do rural e asegurar un mellor servizo ás veciñas e veciños.

As obras, que se atopan xa en fase de execución, céntranse na mellora substancial da capa de rodaxe dos camiños, corrixindo o seu estado actual de desgaste provocado polo paso do tempo e a climatoloxía.

Ademais de asegurar unha superficie máis uniforme e segura para vehículos e peóns, as intervencións inclúen a adecuación do desaugue de augas pluviais, evitando os habituais encharcamentos e prolongando a vida útil das vías.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, subliña a importancia desta actuación dentro da estratexia municipal para o desenvolvemento do rural.

"Este proxecto nos camiños de Arcos é un paso máis no noso firme compromiso con todas e cada unha das parroquias do noso concello, e moi especialmente co rural", asegurou. 

Campos engadiu que un bo mantemento dos camiños "non só facilita o día a día das nosas xentes, senón que tamén contribúe á dinamización económica e social das nosas aldeas, permitindo un mellor acceso a fincas, negocios e servizos".

Anunciou tamén que o Concello seguirá traballando "incansablemente" para que "ninguén se sinta esquecido e para que as nosas zonas rurais sigan sendo lugares vivos e con futuro".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora