Oficialízase o paso de tres concelleiros do PP de Barro ao grupo de non adscritos

Barro
29 de xullo 2022

Nesta mesma sesión plenaria tamén demandou á Xunta unha actuación urxente para mellorar a seguridade no entorno da PO-531 á altura da igrexa de Curro

Os tres concelleiros oficializaron á súa saída do PP
Os tres concelleiros oficializaron á súa saída do PP / Xuntos por Barro

No Pleno ordinario do mes de xullo da corporación municipal de Barro, celebrado na noite deste xoves, oficializouse o paso de tres concelleiros do grupo do Partido Popular ao grupo de concelleiros non adscritos. 

Así, o grupo do PP queda formado por un único concelleiro, Alberto Diz, que será o voceiro do grupo e o seu único representante nas comisións. Por outra banda, o grupo de non adscritos terá como voceiro e único representante nas comisións a José Antonio Landín.

Nesta sesión plenaria aprobouse por unanimidade unha moción do BNG para dirixirse á Xunta de Galicia e pedir unha actuación urxente para mellorar a seguridade no entorno da PO-531 á altura da igrexa de Curro.

A Xunta é a titular da vía de servizo que discorre entre a PO-531 e a igrexa e que se atopa en moi mal estado. "Esta estrada dá acceso a vivendas e por ela discorren a diario moitos veciños, a pesar de que non reúne as condicións de seguridade esixibles", sinalaron.

Ademais do arranxo do pavimento, a moción do BNG recolle tamén "graves problemas de seguridade" que se evidenciaron unha vez que, despois de moitos anos, a Xunta desbrozou os noiros da PO-531 que en ambas marxes están protexidos por valos metálicos que se atopan moi deteriodados e que non están cumprindo a súa función.

A moción tamén recolle a solicitude á Xunta de reparación da pasarela peonil. 

No Pleno tamén se aprobou a conta xeral do 2021 e unha moción presentada polo PSOE para promover o uso da enerxía fotovoltaica.