Ofrecemento do PP para mediar ante os problemas veciñais coas redes de saneamento e abastecemento no rural

Pontevedra
11 de marzo 2022

Os concelleiros do Partido Popular de Pontevedra Pablo Fernández e Martín Martínez alertaron este venres de incidencias en Tomeza, Marcón, Campañó, Verducido, Santo André, Santa María de Xeve e Bora. Afirman que centos de persoas están a quedarse fóra destes servizos básicos e que, en moitos casos, teñen que facer fronte a un elevado custo para engancharse á rede baixo "ameazas" de multas de ata 10.000 euros

O concelleiro popular Pablo Fernández nunha zona de obras de Viaqua no rural
O concelleiro popular Pablo Fernández nunha zona de obras de Viaqua no rural /

Pablo Fernández e Martín Martínez, concelleiros do Partido Popular, indicaron este venres que levan tempo recollendo casos de incidencias entre veciños do rural en relación coa instalación das redes de abastecemento e saneamento.

Desta forma, alertan que contan con centos de problemas denunciados por residentes nas parroquias de Tomeza, Marcón, Campañó, Verducido, Santo André, Santa María de Xeve e en Bora, lugar onde este venres manterán un encontro con afectados.

O responsable popular de Urbanismo, Pablo Fernández, asegurou que o PP está disposto a ser mediador para resolver este tipo de problemas na instalación dos servizos. Indican que a empresa que se encarga das obras e adxudicataria do servizo, Viaqua, presenta cartas con custos de 4.000 euros para enganches que "son obrigatorios". Tamén, incidiu o concelleiro, trasládanse cartas con "ameazas de multas coercitivas" que van desde 1.000 ata 10.000 euros reiterables trimestralmente no caso de que non se asuma a acometida.

Os populares afirman que, ademais, os trazados deixan fóra do servizo de rede de sumidoiros a determinadas vivendas dalgunhas parroquias "porque hai orde política". Denuncian, ademais, que detectaron un mal estudo dos deseños da rede e falta de execución dos novos ramais en puntos como Peralba na parroquia de Marcón. Tamén explican que en Santo André de Xeve hai 18 vivendas na Chan, das que 14 teñen que bombear cando os residentes contan cun estudo privado que recoñece a posibilidade doutras alternativas.

Desde o PP fan un chamamento á veciñanza do rural para que trasladen as súas queixas para poder tramitalas oficialmente. Neste sentido, indican que "tenden a man" ao goberno local para ser partícipes nos proxectos que levan a cabo no rural. Pablo Fernández indicou que estes servizos son "algo básico" no século  XXI. Acusa a Lores de ter a veciños "de primeira, de segunda e tamén de terceira" categoría aos que deixa fóra das conexións das redes básicas.