Oito andainas polas parroquias de Pontevedra, nova proposta de PonteAndadas 2024

Pontevedra
26 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Este ano, como novidade, os organizadores facilitarán aos participantes que o desexen unha bolsa e luvas para ir recollendo aquel lixo que se atopen tirado polo camiño

Ponteandada pola serra da Fracha
Ponteandada pola serra da Fracha / Concello de Pontevedra

Despois de sete edicións, as PonteAndadas convertéronse nunha cita imprescindible para moitos pontevedreses. Ata 1.475 persoas apuntáronse durante o ano pasado para participan nas distintas andainas propostas.

Para este 2024 serán oito andainas as deseñadas polo Club de sendeirismo Naturgaliza e que este martes foron presentadas nunha rolda de prensa no Concello de Pontevedra.

Segundo destacaron Juan Romero e Javi Piñeiro, responsables de Naturgaliza, as PonteAndadas fomentan o deporte e a saúde, tanto física como mental. "Aquí non se gana ningunha carreira, nin ninguén vai presionar a nadie para que vaia máis rápido ou máis lento", recalcaron sobre esta actividade "asequible" na que "cada un pode ir ao ritmo que considere oportuno" á vez que se descobren lugares do municipio que son pouco coñecidos e que merece a pena poñer en valor.

Este ano, como novidade, os organizadores facilitarán aos participantes que o desexen unha bolsa e luvas para ir recollendo aquel lixo que se atopen tirado polo camiño.

Outro valor destacado das Ponteandadas é "a socialización da xente nas andainas" na que o 65% son mulleres e a media de idade está ao redor dos 50 anos.

O primeiro dos roteiros está previsto para o domingo 21 de abril. É a "PonteAndada Primavera" que percorrerá a parroquia de Santo André de Xeve. A actividade comezará ás 9:30 horas cun quecemento con zumba para comezar a andar ás dez da mañá polo paseo fluvial do río dos Fontáns. Trátase dun percorrido circular cunha dificultade media-baixa que se completará nunhas 3 horas.

Para o domingo 12 de maio está programada a "PonteAndada Os tres ríos" que visitará a parroquia da Canicouva. Tras o quecemento a ritmo de zumba os camiñantes sairán da igrexa de Santo Estebo nunha camiñada que tamén ten un percorrido circular cunha dificultade media-baixa e que se completará nunhas 3 horas.

Repetindo este mesmo esquema seguirá a "PonteAndada Salgueiral - Bora" sinalada para o domingo 16 de xuño e a "PonteAndada Montuna - Monte Carrasco", esta para o domingo 30 de xuño.

Singular é a camiñada prevista para o sábado 14 de setembro que será unha "PonteAndada Nocturna" cun percorrido semi urbano, pois sairá ás oito da tarde desde o Palco da Música da Alameda tras impartir unhas nocións básicas de iniciación á marcha nórdica. Esta será un roteiro con dificultade baixa para completar nunhas 2 horas.

De novo co esquema habitual (quedada ás 9.30 horas, quecemento con zumba, dificultade baixa e tres horas de marcha) prográmanse a "PonteAndada do Magosto - A Meán (Lérez)", para o domingo 20 de octubro con saída desde o Pavillón Municipal de Deportes; a "PonteAndada do cogomelo" para o domingo 17 de novembro atravesando os terreos de Tafisa ata chegar a Mourente e cunha charla sobre cogomelos incluída e a "PonteAndada solidaria de inverno", que será o domingo 15 de decembro por Salcedo e San Brais con saída do Pavillón de Cabanas e que inclúe un donativo por parte das persoas participantes de produtos non perecedoiros para o Banco de Alimentos.

As inscricións téñense que facer no correo electrónico [email protected] ou no teléfono 625 482 636 ou presencialmente na tenda "Naturcamiña" nas Galerías Peregrina, número 3. Por participar na camiñada hai que pagar 2 euros para o seguro.