O desfile do Entroido de Marín estará animado por oito comparsas e sete grupos, segundo avanzou o goberno municipal tras pechar o prazo de inscrición.
En concreto, serán as comparsas Amigos dos rapaces, Os do Pinsel, Os Miúdos, Os Solfamidas, Os Paparrulos, Os da Caña, Amoriños de Bora e Flores de Carnaval; e os grupos Harry Potter chegou a Marín, Amigos dos rapaces, Os Revoltosos de San Xulián, Tinta Femia, As Faltriqueiras, Talismán e A semente de Salcedo.
No desfile infantil do sábado, os grupos participantes serán Tokyo 2020 A Laxe, Escola de Gladiadores, Fondo de Bikini, Peixiños de Marín e As Emocións da Inmaculada.
As inscricións aínda están abertas tanto para grupos como para parellas, podendo anotarse o mesmo día do desfile, previamente nos lugares indicados no programa repartido polo Concello.
Pola súa banda, o xurado do Entroido reuniuse para pechar os últimos preparativos. Este órgano está conformado por 16 persoas e conta con representantes dos tres partidos políticos da corporación e por membros de asociacións vinculadas co Entroido, así como con outros participantes voluntarios.
O Concello recorda que as comparsas de Marín non concursan, senón que xa reciben unha contía de 1.000 euros por convenio, que pode ascender ata 1.700 euros no caso de participar noutros momentos do Entroido como o desfile de Seixo ou o Enterro da Sardiña.