Oito detidos en Bueu por vender droga a pequena escala

Bueu
14 de decembro 2017

Golpe á venda de droga na comarca do Morrazo. A Garda Civil detivo oito persoas que, segundo os investigadores, integraban un grupo criminal organizado que se dedicaba á venda e distribución de droga a pequena escala no núcleo urbano de Bueu

Efectos incautados pola Garda Civil en Bueu
Efectos incautados pola Garda Civil en Bueu / Guardia Civil de Pontevedra

Golpe á venda de droga na comarca do Morrazo. A Garda Civil detivo oito persoas que, segundo os investigadores, integraban un grupo criminal organizado que se dedicaba á venda e distribución de droga a pequena escala no núcleo urbano de Bueu.

Segundo informou o instituto armado, a investigación que desembocou na denominada operación Rapas comezou a principios do pasado ano.

Axentes da policía xudicial de Cangas, xunto con efectivos da Garda Civil de Marín e a Policía Local de Bueu, lograron con este traballo identificar a todos os integrantes desta banda que, liderada polo provedor, eran os encargados de realizar a venda e distribución da droga aos consumidores habituais da zona.

Os investigadores chegaron a interceptar mesmo aos consumidores, momentos despois de comprar as súas doses.

Tras comprobar estes feitos, a operación desenvolveuse en dúas fases, durante os meses de setembro e outubro, que concluíron coa detención de oito persoas nas localidades de Bueu e Cangas, entre eles o líder da organización.

Por mor das detencións levaron a cabo dous rexistros domiciliarios e incautaron algo máis de 500 dose de substancias estupefacientes, fundamentalmente heroína e cocaína, material para o corte e a adulteración dos estupefacientes, dúas básculas de precisión, 3.200 euros en metálico, un vehículo e dous computadores portátiles.

Os detidos, todos eles cun amplo historial por feitos delituosos e infraccións relacionadas coas drogas, foron postos a disposición do xulgado de instrución número 2 de Marín.

Todos eles quedaron en liberdade provisional con cargos, acusados dun delito contra a saúde pública por venda de estupefacientes.