Oito empresas da provincia foron sancionadas por incumprir a normativa de igualdade en 2022

Pontevedra
10 de marzo 2023

A subdelegada reivindicou o traballo do Goberno en prol da igualdade laboral nunha xornada formativa sobre as actuacións da Inspección de Traballo celebrada este venres na Subdelegación co gallo do 8M. No 2022 comprobouse a situación de máis de 7.200 traballadores e traballadoras e as sancións interpostas oscilaron entre os 751 e os 7.500 euros

Xornada formativa sobre as actuacións da Inspección de Traballo
Xornada formativa sobre as actuacións da Inspección de Traballo / Subdelegación do Goberno

Maica Larriba, subdelegada do Goberno, acudía este vierenes a unha xornada sobre as actuacións da Inspección de Traballo para regular a igualdade laboral. Esta sesión, organizada pola Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, inclúese no programa emprendido con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller.

Mónica González Otero, inspectora de traballo na provincia e espeicalista en feminismos xurídicos e igualdade laboral, foi a encargada de realizar a exposición.

Durante o acto, Maica Larriba sinalaba que en 2022, a Inspección Provincial de Traballo realizou 316 intervencións relacionadas coa aplicación da lexislación en materia de igualdade.

Comprobouse a situación de máis de 7.200 traballadores na aplicación práctica de sete campañas da inspección sobre discriminación salarial, discriminación no acceso ao emprego; na relación laboral; negociación colectiva; se se cumpren dereitos de conciliación ou se se rexistraban situacións de acoso sexual ou por razón de sexo, entre outras. 

O resultado mostra que oito empresas da provincia foron sancionadas por incumprimentos da normativa, dato que reflicte que un 2,5% das empresas controladas foron apercibidas. As sancións conlevaron multas económicas entre 751 e 7.500 euros.

Larriba insistiu no labor que o Goberno central realiza na mellora da vida das persoas, co obxectivo de avanzar cara a unha igualdade efectiva.