Once anos e catro meses de prisión para o millonario portugués que tentou asasinar a súa muller nun hotel de Vigo

Pontevedra
12 de marzo 2020

O tribunal da sección cuarta da Audiencia Provincial considera probado que o acusado pretendía rematar coa vida da muller ao atacala "por sorpresa e por detrás" cando estaba "desprevida" no cuarto de baño

Carlos Inácio Pinto, no banco dos acusados por tentar asasinar á súa esposa nun hotel de Vigo
Carlos Inácio Pinto, no banco dos acusados por tentar asasinar á súa esposa nun hotel de Vigo / Mónica Patxot

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra emitiu a sentenza na que condena a once anos e catro meses de cárcere como autor dun delito de asasinato en grao de tentativa o empresario portugués que o 2 de maio de 2016 golpeaba cunha maza na cabeza a súa muller no interior da habitación dun hotel de Vigo.

O tribunal entende que está probado que o imputado pretendía acabar coa vida da vítima e sinala, neste sentido, que a atacou "por sorpresa e por detrás" cando estaba "desprevida" no cuarto de baño.

Segundo se recolle na sentenza, a intención do acusado Carlos Inácio Pinto "era matala, non simplemente causarlle lesións”. Apoian esta afirmación en que o condenado empregou unha ferramenta "capaz de causarlle a morte, de peso importante" e que, ademais, dirixiu o seu ataque, que foi “reiterado”, á cabeza, unha zona vital do corpo.

As maxistradas indican que se trata dun caso de aleivosía súbita, ao entender que a vítima "non podía defenderse pola relación de confianza que existía co acusado e as circunstancias nas que se produciu o ataque: cando estaba despreocupada botando crema e de costas ao seu home”.

Na pena contémplase a agravante de parentesco e tamén se lle impón a prohibición de achegarse e comunicarse coa vítima durante un período de 18 anos. Ademais, o acusado deberá pagarlle unha indemnización á muller de 22.000 euros.

Trátase da mesma pena de prisión que se establecera no primeiro xuízo, que foi anulado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), ao tomar en consideración o recurso no que cuestionaba a imparcialidade das maxistradas que o condenaran inicialmente porque ratificaran ata en dúas ocasións a súa situación de prisión provisional.