Once empresas optan a humanizar a rúa Río Bermaña e a praza Doutor Sesto Casal de Caldas

Umia
22 de marzo 2022

Todo o ámbito de actuación terá plataforma única dando prioridade á mobilidade peonil e ciclista  

Caldas humanizará a rúa Río Bermaña e a praza Doutor Sesto Casal
Caldas humanizará a rúa Río Bermaña e a praza Doutor Sesto Casal

O Concello de Caldas abriu este luns as plicas coas once ofertas das empresas interesadas en executar as obras de mellora e humanización da rúa Río Bermaña e da Praza Doutor Sesto Casal, que teñen un orzamento de 579.800 euros e serán adxudicadas definitivamente nas próximas semanas.

As obras son cofinanciadas entre o Concello e a Deputación de Pontevedra, que aprobou unha subvención de 493.000 euros con cargo ao Programa ReacPon para a reactivación económica da provincia e o cumprimento dos principios e obxectivos da Axenda 2030.

A actuación afectará a unha superficie de 3.229 metros cadrados e o proxecto pretende, mediante a reforma do viario e do espazo público, non só a rehabilitación paisaxística integral dunha área central e moi sensible polos seus valores naturais, senón mellorar a accesibilidade e seguridade viaria e crear novos espazos de calidade ambiental, incorporando vexetación autóctona e mobiliario urbano.

Todo o ámbito de actuación terá plataforma única dando prioridade á mobilidade peonil e ciclista.

O alcalde, Juan Manuel Rey, que presentará nos próximos días o proxecto á veciñanza desta zona, indicou que “con estas obras continuamos coa mellora urbana e o embelecemento dos espazos públicos de Caldas, neste caso nun gran espazo estratéxico xunto á Praza de Abastos e no tramo urbano do río Bermaña que será posto en valor”.