Ons, exemplo de sustentabilidade no Día Mundial da Arquitectura

Bueu
02 de outubro 2018

O xacemento arqueolóxico de Canexol, a igrexa da illa ou o renovado cámping foron algunhas das paradas do percorrido que os arquitectos galegos realizaron por Ons, o lugar elixido este ano polo seu colexio profesional para celebrar o Día Mundial da Arquitectura

Celebración do Día da Arquitectura na illa de Ons
Celebración do Día da Arquitectura na illa de Ons /

O xacemento arqueolóxico de Canexol, a igrexa da illa ou o renovado cámping foron algunhas das paradas do percorrido que os arquitectos galegos realizaron por Ons, o lugar elixido este ano polo seu colexio profesional para celebrar o Día Mundial da Arquitectura.

A visita, cuxo obxectivo era informar sobre as diversas combinacións arquitectónicas deste espazo, estivo guiada polo arqueólogo Francisco Alonso, e nela participaron un total de 150 persoas.

A ruta comezou na igrexa, onde o arqueólogo fixo referencia a esa construción do barrio seguindo un modelo andaluz, para camiñar a continuación ata a praia de Canexol, onde as persoas asistentes puideron coñecer o xacemento arqueolóxico e aspectos relacionados coa construción singular das vivendas.

Ao remate, os responsables da creación do proxecto do cámping explicaron que esta instalación se construíu segundo os conceptos de sustentabilidade e por iso toda a enerxía eléctrica é fotovoltaica, ademais de que a auga quente vén con captadores solares e os materiais proveñen de madeiras autóctonas sen tratar.

Manuel Abelleira, presidente da delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos, destacou que esta visita demostrou que "é preciso abrir unha reflexión sobre a acción do home no medio ambiente e lograr a sustentabilidade no mesmo".

Na mesma idea incidiu Félix Juncal, alcalde da vila, quen destacou que as institucións deben cooperar "para que a nova sensibilidade no urbanismo sexa o instrumento de cara a conseguir o mundo mellor que desexamos, no que é moi importante a conservación e utilización polas persoas".