Operativo especial de tráfico en Poio pola festividade de Defuntos

Poio
30 de outubro 2021

Implantarase a dirección única en rúas próximas aos camposantos, para axilizar o tránsito de vehículos e evitar aglomeracións. Ademais, habilitaranse prazas de estacionamento para persoas con problemas de mobilidade

Operativo especial de tráfico en Poio pola festividade de Defuntos
Operativo especial de tráfico en Poio pola festividade de Defuntos / Policía Local de Poio

A Policía Local de Poio deseñou un dispositivo especial para controlar o tráfico nas proximidades dos cemiterios do municipio. 

Implantarase a dirección única en rúas próximas aos camposantos, para axilizar o tránsito de vehículos e evitar aglomeracións. Ademais, habilitaranse prazas de estacionamento para persoas con problemas de mobilidade.

En San Salvador, a entrada ao cemiterio será desde a estación de servizo de Albar e a saída a través do CEIP Viñas, para evitar colapsar a estrada PO-308. En Samieira, cortarase temporalmente o Camiño Vello ata o Camiño Novo, para facilitar tamén a entrada e saída de vehículos. En Chancelas, a dirección única será no Camiño da Escola, en sentido ascendente ata Costa de arriba. 

Os cemiterios estarán abertos desde as 9.00 ás 21.00 horas e nas entradas dispoñerase dunha zona de servizos para parar e deixar na porta persoas con dificultades de mobilidade.

O operativo será o domingo día 31 e o luns día 1 día de Todos os Santos.