Pontevedra prepárase para dar o pistoletazo de saída ás Festas da Peregrina cun amplo operativo de tráfico que se activará este martes 5 de agosto ás 23.00 horas, co peche da rúa Alameda para permitir a instalación das atraccións festivas.
A alcaldesa accidental, Eva Vilaverde, deu conta esta mañá en rolda de prensa das medidas que se estenderán ata o xoves 21, cando se prevé a recuperación da normalidade na circulación.
“É o operativo tradicional de todos os anos, que vén funcionando ben, pero que non por iso hai que deixar de explicalo. Afecta a veciñanza e tamén aos visitantes”, sinalou Vilaverde, quen destacou que as atraccións volverán instalarse nas rúas Alameda e Raíña Vitoria.
Co peche da Alameda e Raíña Vitoria, modifícase o acceso e o sentido de varias rúas do centro:
-
Rúa Echegarai: restrinxida a residentes e servizos, con entrada dende a rúa Maestranza.
-
Xeneral Martitegui: cambia o sentido de circulación para facilitar o acceso á rúa Maestranza e ao aparcadoiro da Praza do Concello.
-
San Roque: restricións desde Corvaceiras ata a Alameda, só para residentes. Desde Paseo de Colón, dirección obrigatoria cara a Corvaceiras, agás para entrar no aparcadoiro soterrado.
Van establecerse 25 valados con sinalización efémera. A Avenida de San Roque quedará cortada nas Corvaceiras en sentido subida, así como a Víctor Said Armesto e outras menores que dan acceso á Praza de Touros.
Tamén se cortará o Paseo de Colón á altura da rúa Monteleón, de tal xeito que os vehículos que circulen por esta vía desde a Ponte da Barca, deban dirixirse á Avenida de Uruguai.
Os vehículos que circulen desde a Avenida de Uruguai pola rúa Irmáns Nodales terán que voltar ás Corvaceiras por San Roque.
Ademais, a parada de taxis trasládase á rúa Xeneral Martitegui na marxe esquerda segundo o novo sentido, e habilítanse espazos para persoas con mobilidade reducida.

“Como sempre, Xeneral Martitegui é o gran cambio durante as festas”, lembrou Vilaverde, que subliñou que se establecerán sinalizacións en todo este espazo.
Os días 9, 10, 15 e 16 de agosto, coincidindo coa feira taurina na Praza de Touros, establecerase un dispositivo especial da Policía Local para garantir a seguridade viaria e peonil:
-
Dende as 08.00 horas estará prohibido o estacionamento nas rúas próximas: Víctor Said Armesto, Campo da Torre e Nostromo Lourido.
-
A partir das 18.00 horas, peonalizaranse as rúas que rodean a praza.
-
Cortes en San Roque (sentido subida dende Corvaceiras), Víctor Said Armesto e Paseo de Colón (altura Monteleón).
PROCESIÓN DE SAN ROQUE
O sábado 16 de agosto, a tradicional procesión de San Roque obrigará a cortes adicionais entre as 20.30 horas e a fin do evento, incluíndo o tramo de Prudencio Landín, Maestranza, Echegaray, Paseo de Colón e o acceso á Capela de San Roque. A isto súmase a celebración do baile das madamitas, que manterá pechada a rúa San Roque ata a súa conclusión.
Tamén se coordinará coas autoridades autonómicas o peche de acceso dende a Ponte da Barca durante o paso da procesión, recomendando o desvío de vehículos cara a Ponte das Correntes.
As festas rematarán oficialmente co Día do Neno. Esa mesma noite iniciarase a desmontaxe das atraccións e a retirada da sinalización, co obxectivo de recuperar a normalidade “o xoves 21 a primeira hora da mañá”.
A alcaldesa accidental concluíu destacando que o Concello dará información detallada e por fases dos cortes previstos segundo avance o programa, como o da Batalla de Flores, para facilitar a planificación tanto a residentes como a visitantes.
