A oposición de Poio pide supervisión para as obras da Casa Barroca de Combarro, nas que ven "deficiencias"

Poio
25 de xuño 2025

O BNG alerta de que están a utilizar formigón no canto de materiais nobres. Socialistas e nacionalistas instan ao persoal técnico municipal a emitir informe para aclarar a situación

Obras na Casa Barroca de Combarro
Obras na Casa Barroca de Combarro / BNG de Poio

Os partidos da oposición en Poio, BNG e PSOE, alertaron este mércores de posibles "deficiencias" nas obras de rehabilitación da Casa Barroca de Combarro e esixen respostas e control técnico ao Concello.

O asunto chegou á Comisión de Patrimonio de Poio, onde o BNG alertou sobre a substitución dunha viga de madeira orixinal por outra de formigón, un material que "de maneira xenérica contravén as normativas xerais do departamento autonómico de Patrimonio, que propón o uso de materiais nobres".

Os nacionalistas lembran que esa normativa establece que nos inmobles nos centros históricos protexidos, como é o caso do edificio en cuestión, débense seguir os ditames do plan especial específico que regula a rehabilitación e conservación.

A responsable do BNG, Marga Caldas, considera "fundamental" que se respecten as normativas de protección do patrimonio histórico e entende que a utilización de certos materiais "pode comprometer a integridade e autenticidade do edificio" polo que pide que se aclare a situación. 

Solicitou formalmente que o persoal técnico municipal informe sobre a situación, salientando que o seguimento e control da obra de Combarro está delegado no Concello, por ter a competencia exclusiva sobre o cumprimento do plan especial.

Tamén na Comisión de Patrimonio, os socialistas de Poio pediron unha supervisión exhaustiva das obras por parte dos técnicos competentes da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e do propio Concello.

O grupo socialista quixo poñer de manifesto que algunhas das actuacións que se están a levar a cabo "presentan deficiencias importantes no que respecta ao rigor técnico e á adecuación aos criterios de intervención patrimonial".

Entre elas, está o "uso discutible" de "certos materiais, encintados e técnicas construtivas" que non se axustan aos estándares que se esixen habitualmente aos particulares que interveñen no ámbito do casco histórico.

O inmoble está a ser obxecto de traballos de conservación e mantemento promovidos pola Deputación de Pontevedra e o PSOE clama ás dúas administracións públicas, Concello y Deputación, que "actúen con exemplaridade" e cumpran cos mesmos niveis de esixencia e responsabilidade que se lles demandan aos cidadáns.

"A intervención nun inmoble catalogado como este debe realizarse conforme aos principios de autenticidade, reversibilidade e respecto polos valores patrimoniais, tal e como establecen as directrices internacionais e a normativa vixente", insiste o PSOE.

Ademais, os socialistas sinalan que constataron unha "fonda preocupación" entre a veciñanza de Combarro, que lles trasladou a súa "inquietude" tanto polo impacto que estas obras poden ter sobre a integridade do inmoble, como pola percepción dun "agravio comparativo" respecto ao tratamento que reciben os particulares cando acometen actuacións similares.