Optimismo na Deputación polo funcionamento do Polígono de Barro

Barro
30 de xuño 2020

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mostrou a súa satisfacción ante a intensa actividade empresarial no Polígono, no que actualmente tres novas parcelas, das 8 que se venderon no último ano, están a desenvolver obras de construción para levantar as súas naves industriais

Visita de Carmela Silva ao Viveiro do Polígono de Barro
Visita de Carmela Silva ao Viveiro do Polígono de Barro / Deputación de Pontevedra

A presidenta da  Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, expresou o seu optimismo polo funcionamento do polígono de Barro no transcurso da visita que realizou este martes a este espazo industrial acompañada do alcalde do municipio, Xosé Manuel Fernández Abraldes, da deputada de Promoción Económica, Ana Mejías, e do deputado de Cooperación, Santos Héctor.

Carmela Silva mostrou a súa satisfacción ante a "intensa actividade empresarial" no Polígono, no que actualmente tres novas parcelas, das 8 que se venderon no último ano, están a desenvolver obras de construción para levantar as súas naves industriais.

A presidenta sinalou que "ter empresas asentadas no territorio é a garantía de futuro e nisto temos que traballar e apostar as administracións públicas".

"Estanse a construír novas naves e, polo tanto, economía. Dicir isto no momento que estamos a vivir énchenos de optimismo porque as empresas queren tirar para adiante, e temos que apoialas", engadiu Silva.

Pola súa banda o alcalde de Barro amosou a súa alegría por ver que "despois da situación tan difícil que temos vivido todo segue funcionando: as empresas seguen investindo, creando postos de traballo, e continúan os proxectos industriais ligados ao polígono".

Nos últimos tempos fixéronse obras para a reposición do cableado do alumeado, que esta semana se amplían á zona E; rozáronse as parcelas da institución; repuxéronse elementos e a sinalización horizontal; e, a mediados de mes, asinarase a adxudicación do novo aparcadoiro público que fará a Deputación para 110 prazas.

O VIVEIRO DE BARRO

Carmela Silva e Xosé Manuel Fernández tamén visitaron as instalacións do viveiro, que "vai como un tiro e cunha ocupación que só nos dá alegrías" co 100% de ocupación das naves, incluso con empresas en lista de agarda, e un 80% das oficinas.

A presidenta e o alcalde visitaron tamén o novidoso DepoFabLab, laboratorio de fabricación dixital, "un exemplo de innovación e tecnoloxía", e mantiveron un encontro co equipo asesor do punto SmartPeme e coa coordinadora da quinta edición do coworking que a Deputación fai coa Escola de Organización Industrial.

Carmela Silva amosou o seu orgullo polo "éxito" da quinta edición do coworking: "a primeira que fixemos online e que está a funcionar moi ben, con 21 persoas traballando en total". O punto de SmartPeme no Viveiro de Barro triplicou o número de asesoramentos a empresas durante o estado de alarma, así como o das persoas que asisten aos obradoiros online.