Orbil viste de cores diferentes espazos da cidade para visibilizar o Salón do Libro

A estatua de Orbil, a mascota do Salón do Libro, estará presente en varios emprazamentos da cidade. O Concello creará un roteiro a disposición da cidadanía para que as familias poidan visitar as diferentes figuras do lobo 

Estatua de Orbil na praza da Peregrina
Estatua de Orbil na praza da Peregrina / Boris Rodríguez Pintos

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou xunto coa concelleira de Cultura, Carmen Fouces, a estatua do lobo Orbil que vestirá a praza da Peregrina durante estes días, con motivo da celebración do Salón do Libro, que comezará o 6 de marzo. O mal tempo fixo que o alumnado do CEIP Campolongo non puidera asistir á cita, tal e como estaba previsto.

Pontevedra contará con diferentes figuras de Orbil, a mascota do Salón. En total haberá sete, e estarán instaladas en diferentes puntos da cidade. Así, o que o concello pretende é facer partícipe a toda a cidade do Salón do Libro.

Segundo palabras de Lores, "esta é unha maneira de chamar a atención, nun mes cheo de actividades adicadas á lectura e visibilizar o Salón, e que os nenos poidan facerse fotos cos diferentes Orbil, que haberá espallados pola cidade".

O tema do Salón de este ano é o humor e o país invitado é Italia. Lores quixo recordar a visita do pedagogo italiano Francesco Tonucci, que deu unha conferencia na cidade que foi todo un éxito, segundo asegurou o alcalde.  Ademais quixo poñer en valor a colaboración coa Escola de Idiomas, en concreto coas profesoras de italiano e tamén a aquelas asociacións que se encargan de celebrar reunións nas que os participantes falan italiano, para non perder o hábito de falar o idioma.  

Pola súa banda, Fouces declarou que haberá un roteiro de visitas á mascota. Crearase un plano onde a cidadanía poderá ver ónde está cada un dos Orbil. De momento, só hai sete ubicacións pero espérase que en próximos anos se aumenten estes emprazamentos e que "Orbil colonice máis a cidade nas vésperas do Salón", manifestou Fouces.