Primeira forza na comarca e primeira forza sindical na zona norte da provincia. Este é o balance logrado pola CIG tras as últimas eleccións sindicais celebradas en Galicia.
A central obtivo 652 persoas delegadas de 2.026 que se elixían, máis do 32%, superando a UXT e CCOO.
"Orgullecémonos de ter tal confianza da clase traballadora", manifestaba este mércores Marcos Conde, secretario comarcal do sindicato, ao dar conta dos resultados.
14.000 persoas votaron por esta central, isto significa que catro de cada dez votantes optaron pola CIG nestas eleccións sindicais e, por este motivo, Conde agradeceu o traballo realizado por todas aquelas persoas que representaron á central gañasen ou non nestes comicios.
Tamén destacaba que sexan primeira forza en sectores tan importantes como construción, ensino, FGAMT ou en servizos, sector no que están a aumentar os traballadores e, por tanto, tamén o número de delegados. Lembrou tamén que a CIG logrou a maioría absoluta en todos os centros de traballo de Froiz
"Temos que levantar a bandeira para dicir que fixemos as cousas ben", manifestou o máximo representante comarcal do sindicato lembrando que "isto non é froito dunha casualidade. *É froito dun traballo sindical".
Neste sentido, Diana Rodríguez, responsable de Secretaría da Muller da CIG, tamén indicaba que o sindicato nacionalista volveu revalidar o primeiro posto en Galicia, alcanzando os 5.100 delegados e con máis de 80.000 afiliados, dos que máis de 8.000 corresponden ao área norte de Pontevedra.
"Somos a comunidade autónoma con incrementos salariais máis altos", manifestou apuntando a que iso se debe á loita que se mantén en sectores onde a CIG foi "revulsivo" como en convenios da alimentación, do metal ou das residencias, entre outros.
"A mobilización foi fundamental para acadar melloras", recoñeceu Rodríguez mentres que Marcos Conde apuntou: "queremos facer un exercicio de orgullo e satisfacción polo traballo feito". Sinalan que as mobilizacións e o "modelo combativo" demostran que son fundamentais para lograr mellores salariais e laborais.
Por útlimo, ambos os dirixentes sindicais recoñeceron que estes resultados sitúanlles con maiores posibilidades para negociar os convenios nos próximos anos.