Os 342 proxectos que optan ás axudas de Ence avalan, segundo o PP, a súa postura sobre a pasteira

Pontevedra
30 de marzo 2017

Un total de 342 proxectos presentaron os colectivos de Pontevedra, Poio e Marín ás axudas que convocou Ence en cumprimento do pacto ambiental asinado coa Xunta. Este interese avala, segundo o PP, a postura que este partido mantivo acerca da continuidade da compañía pasteira en Lourizán

Xuntanza do PP con colectivos sociais polas axudas de Ence
Xuntanza do PP con colectivos sociais polas axudas de Ence / Mónica Patxot

Un total de 342 proxectos presentaron os colectivos de Pontevedra, Poio e Marín ás axudas que convocou Ence en cumprimento do pacto ambiental asinado coa Xunta. Este interese avala, segundo o PP, a postura que este partido mantivo acerca da continuidade da compañía pasteira en Lourizán.

"Sempre defendemos que Ence debía devolverlle a Pontevedra todo o que Pontevedra lle deu ao longo destes anos. Resulta evidente que moitos pontevedreses tamén o entenden así", destacou o portavoz municipal do PP, Jacobo Moreira. 

Os populares lembran que durante todo o proceso para a solicitude destas axudas, "ningún colectivo contou co apoio do Concello de Pontevedra, polo que tiveron que informarse polos seus propios medios ou a través do grupo municipal do Partido Popular.

Neste sentido, o portavoz dos populares lamentou que ao BNG "non lle importou este interese, como se tan só gobernasen para as persoas que pensan como eles e non para o conxunto dos veciños de Pontevedra".

Para os populares con este grande número de solicitudes, queda demostrado que o interese entre os colectivos "foi moi alto, incluso maior do esperado nas previsións máis optimistas".