Os 40 anos de loita LGTBI fanse visibles no Pazo Provincial

Pontevedra
27 de xuño 2018

Carmela Silva, César Mosquera e catro deputados colocaron a bandeira para conmemorar o Día Internacional do Orgullo LGBTI, que se celebra cada 28 de xuño, e que, para a Deputación Provincial, é a xornada na que "a sociedade se pon de lado das persoas e defende ao colectivo LGTBI" 

Bandeira arcoiris colocada no balcón do Pazo Provincial con motivo do Orgullo LGTBI
Bandeira arcoiris colocada no balcón do Pazo Provincial con motivo do Orgullo LGTBI / Mónica Patxot

O Pazo Provincial da avenida Montero Ríos escenificará ata o vindeiro domingo 1 de xullo o apoio da Deputación de Pontevedra á loita do colectivo LGTBI contra a discriminación e en favor da igualdade de todas as persoas. Desde este xoves loce no balcón principal unha bandeira arcoiris símbolo do movemento

A presidenta e o vicepresidente do organismo, Carmela Silva e César Mosquera, e catro deputados colocaron a bandeira para conmemorar o Día Internacional do Orgullo LGBTI, que se celebra cada 28 de xuño, e que, para a Deputación Provincial, é a xornada na que "a sociedade se pon de lado das persoas e defende ao colectivo LGTBI"

"Cada día temos unha sociedade máis aberta, máis comprometida, máis igualitaria, pero aínda queda moito por avanzar", reivindicou Carmela Silva, que lembrou que tanto a nivel estatal como autonómico as estatísticas revelan que a "aplastante maioría" dos delitos de odio cométense contra persoas LGTBI. 

Á vista desas estatísticas, sostén que hai que seguir demandando, denunciando e reivindicando e "poñéndose ao lado de todas as persoas", de aí a importancia de conmemorar este tipo de días. 

Ademais, a loita LGTBI cumpre este ano 40 anos de loita en España, contabilizando desde a primeira manifestación do Orgullo LGTBI en España.