Os actos do 25-N en Pontevedra xirarán en torno aos disfraces do machismo

Pontevedra
16 de outubro 2015

A temática elixiuse este xoves na reunión do Consello das Mulleres Novas, un encontro ao que asistiron estudantes dos institutos Sánchez Cantón, Luís Seoane e Frei Martín Sarmiento, representantes políticos e técnicos do Concello e os creativos que traballarán para a posta en marcha a campaña do 25-N

Concentración contra a violencia de xénero da CIG
Concentración contra a violencia de xénero da CIG / Mónica Patxot

Os actos organizados en Pontevedra con motivo do Día contra a violencia de xénero, que se celebra en todo o mundo o 25 de novembro, xirarán en torno á temática dos disfraces do machismo.

A temática elixiuse este xoves na reunión do Consello das Mulleres Novas, un encontro ao que asistiron estudantes dos institutos Sánchez Cantón, Luís Seoane e Frei Martín Sarmiento, representantes políticos e técnicos do Concello e os creativos que traballarán para a posta en marcha da campaña do 25-N.

A concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, indicou que se pediu aos participantes no Consello que "fosen os cerebros" da programación. Logo dun prolongado debate, acordouse a temática.

Carmen Fouces indicou que haberá máis reunións para ir perfilando campaña, non só para clarificar cuestións sobre as imaxes senón tamén sobre as actividades ao incorporarse ao proxecto o colectivo Bruxas e Bolboretas, do campus de Pontevedra, que farán seis accións de rúa "que darán moito que pensar".