Os ambulantes manteñen o pulso e néganse por segunda semana a montar a feira en Bos Aires

Pontevedra
07 de outubro 2023

O colectivo de vendedores ambulantes accedeu cos seus camións e montou a estrutura de moitos dos postos na Avenida de Bos Aires, pero sen venda ao público, forzando o peche da rúa. "Esto é un caos total", aseguran

Segundo sábado habilitado para a feira ambulante en Bos Aires cos postos a medio montar
Segundo sábado habilitado para a feira ambulante en Bos Aires cos postos a medio montar / PontevedraViva

Por segunda semana consecutiva os vendedores ambulantes negáronse a estrear a feira na nova localización proposta polo Concello de Pontevedra, a Avenida de Bois Aires.

Si accederon ao espazo reservado para o mercadiño coas súas furgonetas e camións, para montar moitas das estruturas dos postos e mesmo nalgún caso estendendo a súa mercadoría, co obxectivo de forzar o peche da avenida.

"Estamos a montar as estruturas pero non imos vender porque isto é un caos total. Mándannos encima das beirarrúas, con farois por medio dos postos, sinais, unha marquesiña de autobús nun posto. É inviable", explicaba a presidenta da Asociación de Ambulantes Galegos e Autónomos, Marga González, ás 9.30 horas da mañá, hora na que debía comezar a feira ambulante.

"Imos estar aquí toda a mañá e imos volver a manifestarnos cos coches", explicaba González sobre a previsión de circular cos seus vehículos pola zona afectando o tráfico rodado.

A súa petición segue sendo a mesma, a de instalar de maneira permanente a feira na Alameda, reivindicación que aseguran manterán aínda que abrindo unha opción para montar os seus postos en Bos Aires se se producen certos cambios, como poder colocar os seus vehículos sobre a beirarrúa para protexer os vendedores do río e ao lado contrario "se quitan a mediana podemos montar e traballar", asegurou a representante do colectivo.