Os animalistas recoñecen o seu erro: o can de Combarro tiña auga e comida

Poio
12 de xuño 2020

Moitas veces as primeiras impresións non son as máis acertadas. Así o comprobou a asociación animalista Libera, que tras denunciar publicamente a presunta situación de abandono dun can en Combarro, rectificaron estas falsas acusacións

Can atopado en Combarro
Can atopado en Combarro /

Moitas veces as primeiras impresións non son as máis acertadas. Así o comprobou a asociación animalista Libera, que tras denunciar publicamente a presunta situación de abandono dun can en Combarro, rectificaron estas falsas acusacións.

Aínda que aseguran que o can estaba encerrado en condicións precarias, sen auga nin comida, dous días despois retráctanse das súas acusacións e, despois de que os donos do animal demostrasen os coidados que recibe o animal, pediron desculpas.

Libera, que denunciou o caso alertada por uns senderistas, explica agora que o animal, unha cadela de nome Noa, está vacinada, correctamente identificada con microchip, asegurada e recibe auga fresca e alimento de maneira permanente.

Ademais, a cadela dispón dunha parte interior na instalación na que se atopa para resgardarse das inclemencias climáticas, onde ten a auga e a comida, situación que non foi apreciada polos senderistas que visitaban a zona.

O espazo de noventa metros na que se atopa o animal é provisional, xa que a familia responsable, que acode a diario a sacar a pasear á cadela, está pendente duns permisos para construír unha vivenda cun espazo de 2.500 metros cadrados con peche perimetral.

Con respecto á debilidade mostrada polo animal nas súas patas traseiras, os informes veterinarios acreditan que a cadela padece unha enfermidade dexenerativa, unha displasia de cadeira que é unha doenza habitual nos cans de raza pastor alemán.

Noa, segundo traslada a familia, foi rescatada e acollida polos seus donos tras sufrir unha situación de malos tratos na Coruña e, desde entón, estes veciños de Poio ofrecéronlle todos os coidados necesarios para garantir o seu benestar.