Os armadores reúnense coa subdelegada do Goberno para coñecer as axudas ao sector

Pontevedra
22 de marzo 2022

A subdelegada do Goberno aproveitou para informar aos profesionais do sector sobre o compromiso adquirido o pasado luns 21 de marzo en Bruxelas para a activación de fondos europeos para axudar o sector ante o incremento dos custos de produción, fundamentalmente do gasóleo

Encontro da subdelegada do Goberno con membros da Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto e a Ría de Marín (OPROMAR)
Encontro da subdelegada do Goberno con membros da Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto e a Ría de Marín (OPROMAR) / Subdelegación do Goberno

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, mantivo na mañá deste martes un encontro con membros da Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto e a Ría de Marín (OPROMAR) para coñecer de primeira man os proxectos que a frota de Marín vai poñer en marcha grazas aos fondos europeos do Plan de Recuperación do Goberno.

A subdelegada do Goberno aproveitou para informar aos profesionais do sector sobre o compromiso adquirido o pasado luns 21 de marzo en Bruxelas, a petición do Goberno de España, para a activación de fondos europeos para axudar o sector ante o incremento dos custos de produción, fundamentalmente do gasóleo.

Maica Larriba explicaba que o comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, anunciou que nos próximos días se activará o mecanismo de crise contemplado no regulamento do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e a Acuicultura (FEMPA), que permitirá compensar aos pescadores polo encarecemento dos custos de produción, ante a situación excepcional que están a vivir os mercados enerxéticos e do combustible. As axudas terán efecto retroactivo a partir do 24 de febreiro, día no que se iniciou a invasión rusa de Ucraína e poderanse prolongar ata o 31 de decembro.

A subdelegada do goberno compartiu cos armadores a preocupación pola situación actual e recalcou que para o Goberno "é prioritario aplicar solucións para que o sector non produza a perdas e para que a flota non permaneza amarrada, pois é imprescindible garantir o abastecemento de alimentos á poboación nesta situación de incertidume".

XESTIÓN SOSTIBLE E INNOVACIÓN TECNOLÓXICA

Para a subdelegada do Goberno, Opromar "é un claro exemplo da aposta do sector pesqueiro da provincia polo impulso de actuacións estratéxicas dirixidas á innovación e á transformación ambiental contempladas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia".

O Goberno central xa lle outorgou a Opromar máis de medio millón de euros para poñer en marcha iniciativas dirixidas á mellora da eficiencia enerxética, á dixitalización e á implantación de novos sistemas de xestión pesqueira a bordo.

Concretamente, a organización logrou fondos Next Generation para o proxecto ENERCOM, no que formando agrupación coa Fundación AZTI-AZTI mellorará a eficiencia enerxética dos buques de arrastre, palangre de superficie e cerco mediante o control do ciclo do combustible baseándose en indicadores obtidos a través de ferramentas de software.

Tamén conseguiu fondos para o proxecto DIGIMAR de mellora da xestión pesqueira a bordo a través da dixitalización coa implantación do sistema "Marine View". O obxectivo principal deste proxecto é o de aplicar nos buques de palangre de superficie un sistema que permita el desenvolvemento dunha pesca resiliente, adaptándose ás variacións do medio mariño, a través dunha información oceanográfica completa e en tempo real que permita a mellora da eficiencia enerxética e pesqueira e da sustentabilidade dos recursos.

Outro dos proxectos beneficiarios dos fondos do Plan de Recuperación é o denominado REM-OPROMAR mediante o que se instalarán en dous barcos palangreiros sistemas de observación electrónica que permitirán realizar un seguimento das capturas para o posterior subministro de datos de maneira dixitalizada á administración, á ciencia ou a calquera parte interesada.