Os artilleiros da Brilat, sen rival na Tui-Santiago

Pontevedra
08 de maio 2015

Os seis patrulleiros do Grupo de Artillaría da Brilat foron os primeiros en cubrir os 120 quilómetros que separan Tui de Santiago e chegar á praza do Obradoiro, pero, ademais, foron os que mellor resultado globan conseguiron nas sete probas de habilidade que se realiza ao longo do percorrido. O tempo real de percorrido foi de 19 horas e media

Acto final do concurso de patrullas Tui-Santiago da Brilat 2015

O Grupo de Artillaría da Brilat demostrou que este ano non tiña rival posible no concurso de patrullas Tui-Santiago que organiza a Brigada de Infantaría Lixeira Aerotransportable dende hai 14 anos con motivo do seu aniversario. Os artilleiros foron os primeiros en cubrir os 120 quilómetros que separan Tui de Santiago e chegar á praza do Obradoiro, pero, ademais, foron os que mellor resultado global conseguiron nas sete probas de habilidade que se realiza ao longo do percorrido.

Os artilleiros chegaron á praza do Obradoiro pasada as seis da madrugada deste xoves, 22 horas e 10 minutos despois de saír de Tui, pero o tempo real de percorrido foi de 19 horas e media, unha vez restadas as dúas horas de descanso obrigatorio e o tempo que estivo neutralizada para realizar as distintas probas.

Os seis patrulleiros recibiron este venres o trofeo por converterse en gañadores da proba do propio xeneral da Brilat, Luis Cebrián Carbonell. Foi o trancurso dun acto na praza do Obradoiro no que tamén foi recoñecido o papel xogado na proba pola patrulla que quedou segunda na clasificación final, o Batallón de Zapadores da Brilat.

O xeneral Cebrián, que estivo acompañado polo alcalde de Santiago, Agustín Hernández, agradeceu a todos os militares a súa participación e competitividade na proba e fixo unha mención especial á patrulla do UUSS Army, o Exército Regular de Estados Unidos, que este ano se desprazou dende Italia para participar na proba.