Os asfaltados de Raíña Vitoria e Eduardo Pondal provocan restriccións ao tráfico

Pontevedra
03 de outubro 2018

Os traballos de pavimentación que se están a realizar estes días no tramo urbano amplíanse ás rúas Raíña Vitoria e Augusto García Sánchez e á glorieta de Eduardo Pondal coas rúas Teixoeira e Filgueira Valverde

Obras de asfaltado da rúa Raíña Vitoria
Obras de asfaltado da rúa Raíña Vitoria / Mónica Patxot

Os traballos de pavimentación que se están a realizar estes días no tramo urbano amplíanse ás rúas Raíña Vitoria e Augusto García Sánchez e á glorieta de Eduardo Pondal coas rúas Teixoeira e Filgueira Valverde.

Ao respecto da pavimentación entre Raíña Vitoria e Augusto García Sánchez, consiste no fresado e asfaltado da rotonda que une as dúas rúas.

Estes traballos supoñen o peche do carril de entrada á cidade por Raíña Vitoria entre as 09.30 e as 13.30 horas e as 15.00 e as 19.30 horas. Os traballos rematarán este mércores.

Para canalizar o tráfico, colocouse sinalización informativa na Ponte da Barca e en Beiramar para dirixir aos condutores polas rúas Manuel del Palacio, Fernández Ladreda e Alcalde Hevia. Garantíase o acceso e a saída por Pastor Díaz, San José e Augusto González Besada.

A segunda pavimentación consiste no fresado e asfaltado da Glorieta de Eduardo Pondal coas rúas Teixoeira e Profesor Filgueira Valverde. Farase nas xornadas do xoves e do venres, e suporá o peche da metade da glorieta.

A pesar de que se garantirá a mobilidade en ambos sentidos de circulación, o Concello recomenda evitar o tránsito por este tramo de Eduardo Pondal, no que tamén se está facendo unha nova beirarrúa.