O BNG reclama melloras no servizo de transporte de autobús en Marín. Así o reclamará Ana Miranda, eurodeputada nacionalista, no Parlamento Europeo, despois de visitar a vila marinense co deputado no Parlamento de Galicia, Paulo Ríos.
Estiveron acompañados por Lucía Santos, portavoz do grupo municipal do BNG, que manifestou os problemas que afectan os servizos de autobús nas liñas entre Marín e Pontevedra; Pontevedra-Cangas, con parada en Marín; e o servizo de praias en época estival.
Todos estes servizos, segundo denuncian, atópanse xestionados pola empresa Monbús, concesionaria do servizo.
Critican os atrasos que se producen nas viaxes entre Marín e Pontevedra sen cumprir os horarios establecidos pola compañía, provocando importantes demoras nos roteiros. Sinalan tamén que non se reforza o servizo en horas de máxima demanda, con saturación de viaxeiros en horas punta.
Tamén advirten de que Monbús non garante a accesibilidade para persoas con problemas de mobilidade na ruta de Pontevedra-Cangas nin nas viaxes ás praias no verán, obrigando aos usuarios para comunicar a súa necesidade cunha antelación de 24 horas.
Ana Miranda anunciou que esta problemática será trasladada ao Parlamento Europeo e criticou a xestión de Monbús cualificándoa de "servizo de mala calidade".