A Xunta de Galicia abrirá mañá o prazo para que os autónomos cuxa actividade se viu afectada pola covid-19 poidan solicitar axudas económicas para facer fronte á crise xerada pola pandemia. Poderán pedilas ata o próximo 18 de decembro.
Os autónomos, teñan ou non persoal ao seu cargo, poderán optar a unha axuda de 1.200 euros. Esta contía incrementarase ata os 2.000 euros para os profesionais de sectores ou actividades económicas especialmente paralizadas pola pandemia.
Neste último apartado inclúense, principalmente, o lecer nocturno, atraccións de feiras, taxistas, servizos de cátering, cinemas, axencias de viaxes, operadores turísticos, organización de eventos, artes escénicas, salas de espectáculos ou parques temáticos, entre outros.
Para poder acceder a estas axudas, a Xunta establece varios requisitos como estar dado de alta no réxime de autónomos, ter o domicilio fiscal en Galicia ou recoñecer o cesamento común ou extraordinario da súa actividade.
Os beneficiarios da axuda, que a recibirán nun pago único, terán que comprometerse a manter a actividade económica de alta durante dous meses a contar desde a data de publicación da orde de axudas.
O goberno galego sinala que esta é a primeira liña de apoios que se integra no plan de rescate para traballadores autónomas e microempresas, que inclúe estas axudas a autónomos e outras dúas, que se seguen tramitando, a de microempresas e autónomos con persoal a cargo; e a dos establecementos hostaleiros que se viron obrigados a pechar.