A partir da próxima semana, Galicia comezará a vacinar os axentes das policías locais dos diferentes concellos. O Servizo Galego de Saúde adianta que irán chamándoos segundo vaian chegando as doses das vacinas, que nos últimos días teñen sufrido varios atrasos.
As autoridades sanitarias están a depurar as listaxes recibidas e, unha vez estean dispoñibles estas doses, poderanse recuperar as xornadas perdidas no proceso de vacinación.
Ata iniciar a inmunización deste novo colectivo, Sanidade mantén o dispositivo para inxectar o soro noutros efectivos das forzas e corpos de seguridade, como Policía Nacional e Garda Civil.
Do mesmo xeito que acontece cos restantes colectivos pertencentes a profesións esenciais, o seu ritmo de vacinación estará condicionado pola dispoñibilidade de doses que reciba a comunidade galega nas vindeiras datas.
Os criterios para a vacinación fronte á covid-19, recorda Sanidade, foron consensuados a nivel estatal, sendo definidos e aprobados polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde mediante unha estratexia común para todas as comunidades autónomas.