Os beneficiarios da renda social municipal cobrarán un máximo de 537 euros ao mes

Pontevedra
06 de setembro 2018

A ordenanza que regulará a renda social municipal, dirixida a cidadáns en risco de exclusión social e pobreza, xa está lista. Tras unha longa tramitación administrativa, o Concello espera poder aprobala nas próximas semanas. Esta axuda poderase cobrar durante seis meses, prorrogables a un máximo dun ano

Cidadáns polas rúas de Pontevedra
Cidadáns polas rúas de Pontevedra /

A ordenanza que regulará a renda social municipal, dirixida a cidadáns en risco de exclusión social e pobreza, xa está lista. Tras unha longa tramitación administrativa, o Concello espera poder aprobala nas próximas semanas.

Os beneficiarios serán, segundo recolle o texto normativo, persoas cuxos recursos económicos resulten insuficientes para facer fronte a gastos específicos de carácter ordinario, co fin de previr, evitar ou paliar situacións de marxinación social.

Esta axuda poderase cobrar durante seis meses, prorrogables a un máximo dun ano. 

A contía estará fixada polo indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente para cada ano. No actual, este índice sitúase en 537,84 euros mensuais.

É o diñeiro que cobrará, como máximo, unha unidade familiar composta por tres ou máis membros. No caso de que sexan dúas persoas, a renda redúcese ao 90% do IPREM -484 euros no valor actual-, mentres que os beneficiarios que vivan sós recibirán 403,38 euros ao mes, o 75% do IPREM.

En todos os casos, para poder percibir esta renda os ingresos medios de cada unidade familiar non poderán ser superiores a esa cantidade.

Ademais, a renda social municipal será incompatible coa Renda de Integración Social de Galicia (Risga), polo que só poderán acceder a elas todas aquelas persoas que, por calquera razón, non reúnan os requisitos necesarios para cobrar a renda autonómica. Tampouco poderá cobrala quen reciba pensións non contributivas.

O Concello reservou unha partida de 425.000 euros no orzamento de 2018 para facer fronte a esta renda social municipal.

A intención do goberno municipal é poñer en marcha esta ordenanza co maior consenso posible dentro da corporación.

Neste sentido, o asunto debaterase no seo da próxima comisión de benestar social, que se celebrará a próxima semana. Antes, os grupos dispoñerán de todo o expediente para coñecer os informes e poder realizar calquera tipo de suxestión.