Os bombeiros liberan un condutor ferido tras chocar o seu coche contra un camión en Curro

Barro
26 de novembro 2016

O accidente produciuse ao redor das 22:00 horas deste venres no quilómetro 9 da PO-531. O condutor foi atendido no punto polo servizo de Urxencias Médicas

Accidente na PO-531 en Curro
Accidente na PO-531 en Curro / Servizo de Emerxencias

Unha persoa resultou ferida este venres nun accidente de circulación ocorrido no quilómetro 9 da estrada PO-531, en Barro.

O suceso tivo lugar ao redor das 22:00 horas ao chocar o coche que conducía contra un camión, quedando atrapado no interior do vehículo.

Ao recibir a chamada de alerta, o 112 deu aviso aos bombeiros de Pontevedra e Ribadumia, que tiveron que cortar a porta do turismo para poder evacuar ao ferido, segundo explicaron ao 112 os membros do parque comarcal de Ribadumia.

O condutor foi atendido no mesmo punto polo persoal sanitario de Urxencias Médicas.

Ademais de bombeiros e 061, o servizo de emerxencias avisou aos efectivos de Garda Civil de Tráfico, Protección Civil e ao servizo de mantemento de estradas.